Abel Caballero critica que Feijóo anuncie vivendas públicas en Navia para dentro de “5 ou 6 anos” e non un IES

O alcalde de Vigo, Abel Caballero / Concello de Vigo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou este martes que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitase o barrio de Navia para falar da súa ampliación e da construción de 1.600 vivendas protexidas para dentro de “5 ou 6 anos”, e non anunciase a construción dun instituto, que é “fundamental”.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico lembrou que os mozos dese barrio teñen que desprazarse 8 quilómetros para ir a un instituto porque non dispoñen desa dotación en Navia e, tras 12 anos gobernando Galicia, Feijóo “non gastou nin un céntimo” nese barrio. “Todas as dotacións fíxoas o Concello: parques, pistas deportivas, unha escola infantil, unha biblioteca”, recalcou.

Por iso, instou ao goberno galego a construír esa dotación educativa “de inmediato” e subliñou que, se así o decide a Xunta, o Concello de Vigo “regalaralle o terreo”. Segundo Caballero, Feijóo estivo na cidade para dicir que “en 5 ou 6 anos” haberá 1.600 vivendas protexidas, pero aseverou que “en tres anos e medio, Feijóo levará 16 anos gobernando e non faría nin unha soa vivenda en Navia”.