Marea de Vigo pide “multas exemplares” para Vitrasa por non respectar as medidas pola pandemia

Considera que non se cumpren nin os límites de capacidade nin as frecuencias e horarios.

Muller no bus con máscara contra o coronavirus / © Miguel Núñez.

O grupo municipal Marea de Vigo pediu que se sancione á concesionaria do bus urbano, Vitrasa, e que se lle impoñan “multas exemplares” polos “incumprimentos” e a “inacción” en materia de medidas preventivas fronte á pandemia de COVID-19.

Segundo denunciou o portavoz do grupo, Rubén Pérez, a empresa non actuou “con responsabilidade” no que respecta á capacidade, frecuencias e horarios máis adecuados á actual situación de crise sanitaria.

Así, despois de que a Xunta instase o Concello a inspeccionar os buses para constatar o cumprimento da capacidade (cento por cento de viaxeiros sentados e un sexto da capacidade de pé), Marea de Vigo sinalou que este é “un capítulo máis do esperpento que tanto a administración autonómica como o Concello están a facer para un control efectivo da seguridade e a capacidade no transporte público”.

A ese respecto, Rubén Pérez apuntou que, á marxe de que o Concello poida facer esas inspeccións, a norma da Xunta é “absolutamente inxustificable” no actual contexto de pandemia, e pediu á administración autonómica que reduza tamén a capacidade de viaxeiros sentados.

Por outra banda, lamentou que a concesionaria permitise “un total descontrol en varias frecuencias e horarios“, polo que parece que “lle importa ben pouco a saúde e a seguridade” dos cidadáns.

Tamén o grupo municipal do PP volveu criticar que o goberno local “non fai nada”, mentres que os buses urbanos “seguen cheos” en horas punta.

Pola contra, censurou o portavoz ‘popular’, Alfonso Marnotes, o alcalde “nega que haxa problema algún”, e “acusa os usuarios de mentir e manipular as fotos”. “O que mente é vostede. Ten que facer públicos os datos diarios de capacidade de todas as liñas, non ocultalos”, insistiu.

Marea e PP non son os únicos partidos que denunciaron a capacidade excesiva no bus urbano. Tamén o BNG reclamou ao goberno local que inste á empresa a cumprir, e a tomar medidas para que se respecten as medidas antiCOVID, pola seguridade dos viaxeiros e dos propios traballadores da concesionaria.