O PP pide reforzar o servizo de bus urbano para garantir a limitación de aforamento

"Nós advertímolo xa hai semanas, o alcalde non fixo nada e repítense, día tras día, as situacións de autobuses que superan o aforamento", denunciou o portavoz vigués do PP, Alfonso Marnotes.

Vitrasa © Miguel nuñez

O PP pediu ao goberno local de Vigo que se reforce o servizo de autobús urbano para garantir o respecto da súa limitación de aforamento dada a situación sanitaria actual.

Nun comunicado, o portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, Alfonso Marnotes, criticou que o goberno local prorrogase o contrato da concesión do servizo a pesar de que empezara os trámites para realizar un novo.

Así, considerou un “erro” esta decisión “porque se podía licitar un contrato moderno adecuado aos aforamentos da pandemia e á situación derivada da mesma”. Deste xeito, lamentou que, “en pleno brote de contagios”, Vigo conte con “un servizo de hai 30 anos”.

A este respecto, a formación lembrou que, antes da pandemia, a empresa concesionaria “tiña unha frota escasa que non cubría as necesidades da cidade”, polo que considerou “imposible que dea servizo en condicións de seguridade COVID-19”.

“Nós advertímolo xa hai semanas, o alcalde non fixo nada e repítense, día tras día, as situacións de autobuses que superan o aforamento”, denunciou Marnotes.

Por este motivo, afirmou que “é o momento de que o Concello acorde ou esixa á concesionaria un reforzo do servizo” para “garantir que os autobuses non vaian cheos en hora punta”. Deste xeito, o portavoz ‘popular’ tachou de “vergoñoso” que “a xente vaia apelotonada en autobuses urbanos” ou non poida acceder aos mesmos debido a que se supera o seu aforamento.