InicioPolíticaAbel Caballero pide "cobertura legal" para tramitar sancións mentres a Xunta di...

Abel Caballero pide “cobertura legal” para tramitar sancións mentres a Xunta di ter enviado un informe á FEGAMP

O Concello de Vigo celebrará este xoves un pleno extraordinario para aprobar a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que permitirá a reordenación e urbanización do Barrio do Cura.

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este mércores á Xunta que articule medidas para dar “cobertura legal” á tramitación de sancións por parte do Concello ás persoas denunciadas por incumprir as restricións derivadas da pandemia de COVID.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico lamentou a “incapacidade total” do goberno galego para tramitar esas sancións, e ofreceu a cooperación “sen cobrar” do Concello olívico para facelo na cidade, aínda que matizou que, para iso, a administración municipal debe dispor de “título xurídico habilitante”.

A ese respecto, incidiu en que “hai serias dúbidas xurídicas” de que o Concello poida tramitar esas multas e advertiu de que necesita “cobertura legal” para evitar “baleiros e nulidades nos procedementos sancionadores”.

Por iso, Abel Caballero instou á Xunta a que, “o máis axiña posible”, proceda á “atribución de competencias sancionadoras concretas aos concellos a través dunha norma”, ou ben a ditar unha “resolución clara” na que se especifiquen os supostos e infraccións que corresponde tramitar aos municipios.

Segundo Abel Caballero, a Policía Local está a incoar os expedientes sancionadores “porque está obrigada” pero, cando os remite á Xunta, o goberno galego devólveas ao Concello para que as aplique. “O resto de Comunidades Autónomas están a tramitalas. Se a Xunta é incapaz, eu ofrézolle colaboración“, reiterou o alcalde.

Por outra banda, volveu a denunciar que o goberno autonómico segue “sen informar” o Concello da evolución da pandemia na cidade, número de contagios e zonas máis afectadas, e lamentou que Feijóo “está a incumprir seriamente as súas obrigacións“, mantendo unha “política de opacidade total” e informando a través de “un sistema ridículo e absurdo” (os mapas con cores diferenciadas segundo a incidencia por municipios).

INFORME XURÍDICO DA XUNTA

Pola súa banda, fontes do goberno galego precisaron que os servizos de Asesoría Xurídica da Xunta xa elaboraron un informe xurídico que foi trasladado á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), no que se determina a responsabilidade de cada administración na tramitación de sancións por incumprir a normativa antiCOVID.

Segundo ese informe, detallaron as mesmas fontes, os concellos deben tramitar aquelas multas sobre cuestións que son da súa competencia, como aforamentos, incumprimento de horarios ou control de aglomeracións. A ese respecto, o goberno galego comprometeuse a axudar aos municipios medianos e pequenos que non teñan capacidade para levar adiante os procedementos.

A Xunta, sinala o informe, pode actuar en asuntos especificamente sanitarios, relacionados cos illamentos ou as corentenas; mentres que o Goberno central debería sancionar naqueles aspectos que lle competen.

Finalmente, o goberno galego lembrou que tamén se pediu ao Consello Consultivo que se pronuncie e elabore un ditame sobre a quen corresponde tramitar as sancións.

PXOM BARRIO DO CURA

O Concello de Vigo celebrará este xoves un pleno extraordinario para aprobar a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que permitirá a reordenación e urbanización do Barrio do Cura.

Así o confirmou en rolda de prensa o rexedor, Abel Caballero, quen proclamou que, coa aprobación inicial no pleno, chégase ao final dun percorrido “dun cuarto de século de espera”, a falta dun informe preceptivo da Xunta e da aprobación definitiva.

O alcalde lembrou que, tras o peche do asilo en Pi e Margall, a zona se ha ido deteriorando “ata chegar a unha situación insustentable“, e proclamou que está a ser o seu goberno local o que está “a coser as feridas da cidade, facendo que salga unha nova pel brillante”.

Así mesmo, o rexedor lembrou que, cando chegou á Alcaldía, o proxecto para reformar toda esa zona non contemplaba conservar a fachada da capela do antigo asilo. “A fachada consérvase porque o impuxen eu“, subliñou, e engadiu que a zona contará con novos viarios, zonas verdes, prazas de aparcadoiro e un 30 por cento de vivenda protexida, entre outros servizos e dotacións.

Así mesmo, lamentou que os anteriores gobernos non tivesen esa visión de recuperación dunha área emblemática en pleno centro da cidade, xa que eran gobernos “que non estaban á altura do que significa o Barrio do Cura, nin estaban á altura do que significa Vigo“.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...