Abel Caballero volve esixir á Xunta datos concretos de contaxios en Vigo para “cooperar salvando vidas”

O alcalde di que o mapa de cores que publica a diario o Goberno galego sobre a incidencia da COVID-19 nos concellos "non vale para nada".

Abel Caballero / © Miguel Núñez.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a reclamar este martes á Xunta que lle facilite datos concretos sobre a evolución da pandemia na cidade, despois de que a administración informase de que o número de contaxios aumentou e situase o concello no nivel de alerta 2 (cor laranxa no ‘semáforo’ de incidencia, que supón que houbo entre 166 e 332 casos nos últimos 7 días).

O rexedor sinalou que o mapa de cores que publica a diario a Xunta sobre a incidencia da COVID-19 nos concellos “non vale para nada”, xa que a marxe de erro é moi ampla e non se concreta o número de casos.

Por iso, Caballero anunciou que remitirá unha carta ao presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, para volver reclamarlle que lle remita os datos exactos de casos activos “todos os días” e “por zonas” da cidade.

O alcalde volveu incidir en que necesita esa información “para tomar decisións, para cooperar salvando vidas”, e lamentou que Feijóo “parece que non entende a gravidade da pandemia” e mantén “ocultos os datos nun caixón”.

“Son o alcalde da primeira cidade de Galicia, e a décimo terceira de España (…), quero ter esa información detallada para protexer a xente”, insistiu.

Con respecto á información que fai pública a Xunta, con datos das áreas sanitarias e os mapas de incidencia nos concellos por cores, Abel Caballero cuestionou a utilidade dos mesmos.

A ese respecto, sinalou que a propia Xunta apunta que os criterios varían en función da poboación de cada concello e reflexionou: “Que broma é esta? Isto que quere dicir? Eu algo de estatística sei, e se non teño nin idea eu, que son doutor pola Universidade de Cambrigde, que pode inferir calquera que o lea?“.