InicioPolíticaFeijóo pide ao alcalde de Vigo "deixar a confrontación" sobre a área...

Feijóo pide ao alcalde de Vigo “deixar a confrontación” sobre a área metropolitana

Así o trasladou despois da sentenza que anula a posta en funcionamento da área metropolitana, estimando parcialmente o recurso interposto pola Xunta de Galicia contra as actuacións administrativas relativas á constitución deste ente supramunicipal.

PUBLICADO O

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lamentou, tras o último pronunciamento xudicial, o “tempo perdido” na área metropolitana de Vigo, á vez que enviou unha mensaxe ao alcalde, o socialista Abel Caballero, aínda que non o citou expresamente: é urxente “deixar a confrontación” e “restablecer” o transporte metropolitano, xa que mentres “non estea operativa” a área é “ilegal”.

Así o trasladou despois da sentenza na que anula a posta en funcionamento da área metropolitana, estimando parcialmente o recurso interposto pola Xunta de Galicia contra as actuacións administrativas relativas á constitución deste ente supramunicipal, por non estar integrada a cidade olívica no plan de transporte metropolitano impulsado polo Goberno autonómico.

“Non o digo eu, dio un xuíz. E dio un xuíz porque así o establece a lei aprobada no Parlamento autonómico”, subliñou Feijóo, sobre o transporte metropolitano, antes de remarcar que en Galicia “todos os cidadáns teñen que cumprir” as normas que emanan da Cámara autonómica e das Cortes, como determina vivir nun Estado de Dereito.

Neste contexto, manifestou que espera que a situación quede “resolta dunha vez” e recalcou que “é incompatible unha área metropolitana se o alcalde e presidente da mesma está en contra do transporte metropolitano”.

Para Feijóo, é “unha cuestión o sufientemente clara e básica”. “O peor de todo isto é o tempo perdido. En todas as cidades de Galicia nas que hai transporte urbano, hai transporte metropolitano, salvo en Ourense e Pontevedra”, lamentou.

“Todos os alcaldes socialistas están a cumprir co transporte metropolitano salvo o de Vigo; e o que vén dicir o xuíz é que non hai alcaldes de primeira nin de segunda. Todos os alcaldes teñen que cumprir as leis e que o que estaba a facer o Concello de Vigo é ilegal“, sentenciou.

“CENTENARES DE MILES DE EUROS PERDIDOS”

Finalmente, advertiu que agora toca actuar por parte do Concello e “restablecer o transporte metropolitano que, hai uns días, se prorrogaba por un ano máis para todos os municipios da área”. Por último, lamentou “o diñeiro que están a perder usuarios do transporte en Vigo como consecuencia da negativa do Concello de incorporarse”.

“Centenares de miles de euros perdéronse todos estes anos e lamentablemente non os van recuperar os cidadáns que usan o transporte urbano. Sería bo deixar a confrontación e dedicarse aos intereses xerais de Vigo”, resolveu.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Interceptado un mergullador sen os equipos obrigatorios e sen licenza de pesca

A Policía Local interceptou o pasado martes en Vigo a un mergullador que non...