O grupo municipal Marea de Vigo trasladou un escrito ao goberno local e á Zona Franca no que se fai eco das denuncias dalgúns veciños, que aseguran que o casino da Laxe (no centro comercial propiedade de Zona Franca) estaría a incumprir as restricións horarias establecidas con motivo da pandemia de coronavirus.
No seu escrito, Marea de Vigo sinalou que, segundo esas queixas, o casino, que conta cunha zona de bar na que hai tanto clientes xogadores como non xogadores, mantense “aberto e funcionando máis aló das horas permitidas ao resto de establecementos de hostalaría”.
Por iso, este grupo municipal reclamou que as autoridades competentes deben “tomar as medidas correspondentes de inmediato”, ante unha situación “absolutamente nociva” que afecta o sector hostaleiro da cidade.