Gonzalo Caballero: “A dereita xa non representa o futuro”

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, pediu "desatascar" Galicia "sacando ao PP da Xunta". A "política da confrontación e a deslealdade" que caracteriza a acción de Feijóo é "parte do problema".

Gonzalo Caballero no miting do psoe © Miguel Nuñez

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, pediu “desatascar” Galicia “sacando ao PP da Xunta” fronte a un Alberto Núñez Feijóo que “non foi capaz de darlle solucións” aos problemas dos galegos. “A dereita xa non representa o futuro”, expresou.

No mitin de peche de campaña ofrecido no Parque de Castrelos de Vigo ante uns 900 asistentes e arroupado pola plana maior do partido e o ministro José Luís Ábalos, asegurou que a “política da confrontación e a deslealdade” que caracteriza a acción de Feijóo é “parte do problema” dunha Galicia que hai que “desatrancar” sacando ao Partido Popular da Xunta e desfacendo o “embude” que o seu goberno implica.

“A dereita non representa xa a Galicia do futuro. Galicia non se pode permitir catro anos máis de proxecto esgotado”, sostivo nun acto de peche de campaña ao que estaba previsto que acudise o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e no que se comprometeu a pór todo o seu coñecemento económico –é profesor de Economía Aplicada na Universidade de Vigo– ao servizo da reconstrución de Galicia.

Ademais, lanzou unha mensaxe ao titular da Xunta e candidato do PPdeG ao asegurar que el pode “ensinar” todas as fotos que se fixo ao longo da súa vida. “Cada un que ensine o que ten detrás da súa historia”, afirmou.

“VIMOS A SERVIR A GALICIA”

No acto, así mesmo, mostrou o seu “orgullo” das siglas do PSOE fronte a un Alberto Núñez Feijóo ao que o ministro Ábalos preguntou “se se avergoña do PP”. “Estou orgulloso de ser membro do PSOE, as miñas siglas, as miñas ideas, eu non me avergoño do que son eu nin a miña organización porque vimos á política a servir a Galicia”, asegurou.

Nun discurso no que pediu que o domingo “non quede nin un só voto en casa”, asegurou que o deste venres é “un día especial” por pechar a campaña na súa cidade, da que se comprometeu a ser un presidente “aliado” e resolver os seus problemas despois de “11 anos de abandono” da Xunta. “Imos cumprir”, sinalou.

Por último, tamén pediu o voto para frear a unha dereita disposta a pactar con “os seus aliados da ultradereita” se lle é necesario para gobernar. “Cando Abascal, Ortega Smith, Espinosa de los Monteros están aquí non é porque veñan pasar o intre, veñen porque a ultradereita quere entrar no Parlamento”, avisou.

No acto, que estivo presentado pola candidata por Pontevedra Noelia Otero, e no que interveu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu o apoio para o seu sobriño ao que presentou como “o próximo presidente da Xunta”. “Hoxe Pedro Sánchez non está aquí, pero moi pronto vai estar en Vigo e, a próxima vez que estea, Gonzalo será presente da Xunta, porque isto é un proxecto global”, manifestou

ÁBALOS CRITICA A ACTITUDE DE FEIJÓO DURANTE A PANDEMIA

O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, pediu este venres o apoio para o candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, fronte a un Feijóo que é “a suma de todas as dereitas” e “non se compromete nin co seu partido”.

Así o trasladou durante a súa intervención no mitin de peche de campaña do PSdeG, celebrado no auditorio ao aire libre de Castrelos en Vigo e no que, finalmente, non estivo, como estaba anunciado, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, debido a un problema técnico no avión que o ía a trasladar desde Madrid.

No seu lugar, interveu no acto o ministro Ábalos, que criticou ao presidente da Xunta e aspirante á reelección, Alberto Núñez Feijóo, do que ironizou: “Ás veces non se sabe de onde vén nin onde vai”.

Segundo incidiu, durante a campaña electoral o candidato do PPdeG preséntase “sen o logotipo” do seu partido e preguntou se “se avergoña”. A ese respecto, cuestionou o compromiso de Feijóo cos galegos, se “non se compromete nin co seu partido”.

Por outra banda, referiuse ao argumento do candidato popular, de que en Galicia “non fan falta nin VOX nin Ciudadanos”, e apuntou que é “porque xa está el”. “El (Feijóo) xa representa todo iso, é a suma de todas as dereitas”, sentenciou.

Fronte á proposta do PP, eloxiou a Gonzalo Caballero, que “encarna os valores socialistas que nos fixeron saír adiante”, e ten “a ambición e a fame para que Galicia salga adiante, para non conformarse, porque Galicia ten que integrarse en España, ten que contribuír e recibir segundo o que contribúe, que é moito”.

XESTIÓN DA PANDEMIA

José Luís Ábalos tamén se referiu a a xestión que o goberno central tivo que facer da pandemia, tomando decisións “moi difíciles” sen poder contar coa “lealdade” da dereita, e soportando aos que cuestionaban a lexitimidade do Executivo. “Iso non o deixo pasar, a frase do goberno ilexítimo e criminal, porque este goberno xurdiu da vontade popular, investido constitucionalmente con toda lexitimidade, que se preocupou de salvar vidas e non de xogar por intereses económicos”, proclamou.

Segundo engadiu, agora, en pleno proceso de reconstrución, o goberno “tampouco pode contar con eles”, que se dedican a “falar mal do seu país” e a dicir, en plena negociación dos fondos para a reconstrución, que España “non é de fiar”. “Como se poden chamar patriotas? (…) Xa está ben de pretender conseguir réditos electorais a base do sufrimento da xente”, resolveu, e lamentou que a dereita “non estivo á altura” e “non perden a ocasión de demostrar a súa bajeza”, como agora, ao “alegrarse de que España non presida o eurogrupo”.

Tamén lembrou a actitude de Feijóo durante os últimos meses e sinalou que a xestión do presidente da Xunta neste tempo “só ten unha característica, que é eludir a súa responsabilidade”.

Así, lembrou que, durante o estado de alarma, “o problema era do Goberno central”; cando as competencias volveron ser autonómicas, trasladou as responsabilidades “aos alcaldes”; e “cando unha industria non funciona, non é cousa del”. A ese respecto, José Luís Ábalos afeou ao presidente galego e candidato do PPdeG que considere “que todos os demais son desleais“.