O TSXG confirma a nulidade do decreto que suspende descansos a bombeiros

O Tribunal Supremo non admite a trámite un recurso de casación interposto contra un auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que validaba a legalización da coñecida como 'Outeiro de Castrelos' de Vigo, tras a realización de obras de adaptación.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación interposto polo Concello de Vigo contra a sentenza que anulaba o decreto municipal mediante o que se suspendían os descansos do persoal de bombeiros, e validou o contido desa sentenza.

Segundo a resolución do alto tribunal galego, á que tivo acceso Europa Press, o consistorio vigués recorreu a sentenza do xulgado contencioso administrativo número 1 de Vigo (ditada tras unha denuncia da CIG, pero que non é a única, xa que existe outra no mesmo sentido, porque o sindicato CUT tamén denunciou o decreto), alegando, entre outras cuestións, que non quedara probada a vulneración dos dereitos dos bombeiros.

Así, o Concello sinalou no seu recurso que a sentenza de primeira instancia “ocasiona un prexuízo ao interese público municipal” e incumpre a “regra de valoración da proba”. Tamén expuxo que o decreto que faculta ao xefe de servizo a suspender os descansos supón unha medida “temporal” para paliar o déficit de persoal.

En resposta a estes argumentos, o TSXG sinalou que a sentenza recorrida non é contraria a dereito, que a valoración da proba fíxose de forma correcta e que, en contra do que sostén o Concello, “non corresponde á sentenza apelada ofrecer solucións para a adecuada regulación do servizo municipal de bombeiros”.

O TSXG tamén lembra que, no decreto recorrido (de febreiro de 2019), non se especifica que a suspensión de descanso sexa unha medida temporal e que o propio contencioso administrativo detalla a vulneración de varias normas relativas á negociación deste tipo de medidas, aos tempos de traballo ou á prevención de riscos laborais.

O alto tribunal galego sinala que “non se cuestiona a necesidade do Concello de Vigo de dotar de efectivos” o servizo, ata completar os 20 mínimos establecidos, pero “o que non é correcto (…) é que se proceda sen máis a autorizar ao xefe de servizo de maneira xenérica a suspender os descansos do persoal”.

Cuestionado acerca desta sentenza, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, limitouse a dar por feito que os servizos xurídicos municipais xa terían coñecemento da mesma, pero eludiu pronunciarse. “Non vou facer valoracións”, resolveu.

BOMBEIROS EN FOLGA

O servizo de bombeiros de Vigo está en folga indefinida (convocada por CIG e CUT) desde agosto do ano pasado, en demanda de máis persoal e de solucións para que poidan levar a cabo o seu traballo con garantías.

Ademais da sentenza do contencioso administrativo de Vigo relativa á suspensión de descansos, ese mesmo xulgado ditou unha resolución na que declaraba nulo o decreto dos servizos mínimos aprobado con motivo da folga.

Nese caso, o maxistrado advertiu de que os servizos mínimos coinciden cos ordinarios, o que “baleira de contido” o exercicio dun dereito fundamental, como é a folga.

OUTEIRO DE CASTRELOS

Por outra parte, o Tribunal Supremo non admite a trámite un recurso de casación interposto contra un auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que validaba a legalización da coñecida como ‘Outeiro de Castrelos’ de Vigo, tras a realización de obras de adaptación.

O alto tribunal galego ditou un auto en decembro de 2019 no que daba por executada a sentenza que obrigaba á demolición total ou parcial do bloque de edificios coñecidos como o ‘Outeiro de Castrelos’, ao entender que as modificacións realizadas no inmoble permitían a súa legalización.

Este bloque, tamén coñecido como o ‘pirocoto’, levaba anos inmerso en litixios desde que, en 1994, se anulase a licenza de construción polo gran impacto paisaxístico que supuña un grupo de edificacións situado no alto dunha elevación do terreo, xusto á beira da contorna do Pazo Quiñones de León (Ben de Interese Cultural).

Despois de varias sentenzas e recursos que foron desestimados, en 2012 o Concello tramitou unha licenza para a realización dunha serie de actuacións que permitisen repor a legalidade urbanística. O TSXG determinou que ditas actuacións foron executadas e que o ‘Outeiro de Castrelos’ xa non é un elemento de impacto paisaxístico.

Ademais, incidiu en que non procedía a demolición total, posto que esa medida “xeraría un resultado disonante coa contorna actual, profundamente urbanizado e transformado” con respecto á paisaxe que había en 1994 (cando se anulou a licenza).

Contra esa resolución interpúxose un recurso de casación ante o Tribunal Supremo e este, nunha providencia con data de 30 de xuño, rexeitou admitila a trámite. Segundo o Supremo, o recurso carece de fundamentación suficiente e non concorren os supostos que permitan apreciar interese casacional obxectivo.

“RISCO INMENSO” PARA AS ARCAS MUNICIPAIS

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou esta resolución do Tribunal Supremo, e lembrou que a demolición do ‘Outeiro de Castrelos’, onde hai máis dun centenar de vivendas, supuña un “risco inmenso para as finanzas da cidade”.

Se chega a haber unha demolición, tería un custo insoportable para o Concello. Esta é a herdanza de corporacións anteriores, non ten nada que ver coa xestión de Abel Caballero”, proclamou o rexedor.

Segundo sinalou Caballero, esta providencia é “definitiva” e “irrecurrible” polo que non haberá demolición do ‘piricoto’. “Evitamos o colapso económico para as arcas da cidade (…) esta ciudada non se crebará, é unha magnífica noticia”, engadiu.