InicioPolíticaFeijóo inicia a precampaña no bastión de Abel Caballero presumindo da xestión...

Feijóo inicia a precampaña no bastión de Abel Caballero presumindo da xestión do coronavirus

PUBLICADO O

O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, cambiou de opinión en menos dunha semana e pasou de dicir que o seu partido non faría precampañpa electoral a lanzarse a facela esta mesma fin de semana. Así, nun acto en Vigo avanzou que a campaña dos populares para os comicios autonómicos do 12 de xullo estará centrada en lanzar propostas contra a “pandemia económica” que se divisa tras a crise sanitaria da COVID-19 e vendendo a súa xestión fronte ao coronavirus.

“Non estamos aquí para derrotar a ninguén. Non nos presentamos ás eleccións para darlle un repaso a ninguén, presentámonos ás eleccións para ser útiles”, reivindicou este sábado Feijóo, durante un sinxelo acto de partido no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, co que retomou a precampaña cunha cita coas urnas que, prevista inicialmente para o 5 de abril, viuse truncada pola pandemia do coronavirus.

Coa exdelegada da Xunta na cidade olívica, Corina Porro, como número dous da candidatura por Pontevedra e como anfitrioa do acto, o líder do PPdeG –que ocupa o posto ‘un’ pola mesma provincia– estivo acompañado das cabezas de lista polo resto de circunscricións: a conselleira Ángeles Vázquez, pola Coruña; a presidenta do PP provincial de Lugo, Elena Candia; e a exdelegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

Co mar de fondo, Feijóo iniciou o seu discurso sacando peito de que a Comunidade galega é “a rexión europea máis competitiva” no sector da pesca, para seguidamente agradecer aos profesionais da sanidade galega, dos servizos sociais e a “todos os que traballaron para manter os servizos esenciais” o seu labor durante a pandemia.

VIGO DEU UNHA RESPOSTA “Á ALTURA”

No seu discurso, Feijóo tamén abordou os pasados tres meses “moi longos, tristes e duros” que viviu Galicia, onde 619 persoas perderon a vida como consecuencia da COVID-19. No caso concreto de Vigo, afirmou que a súa resposta estivo “á altura”.

“Aquí fomos pioneiros no ‘COVID-Auto’ que despois copiaron outros hospitais de España — un sistema que propuxeron os propios sanitarios e non o Sergas–. Aquí funcionou un dos mellores laboratorios de microbioloxía de Europa facendo miles de PCR contando de forma simultánea distintas técnicas e descubrindo unha forma masiva de detección do virus”, abordou o tamén presidente da Xunta.

E é que, segundo as súas palabras, “en ningún momento” Vigo tivo un risco de colapso sanitario e foi “unha das poucas grandes cidades de España” que non precisou despregar un hospital de campaña –na Comunidade galega non se chegaron a empregar, aínda que o Sergas chegou a planificar un en Santiago e outro na Coruña–, o cal foi posible grazas ao “esforzo de todos nos últimos anos” para converter o complexo hospitalario vigués en “referencia”.

“Esta pandemia puxo a proba o sistema sanitario público español. E en Galicia, e especialmente en Vigo, creo que se respondeu con nota”, expresou o candidato do PPdeG.

O CORONAVIRUS “SEGUE AÍ”


Tras advertir que “lamentablemente” o coronavirus “segue aí”, dixo que o que se aveciña agora son “as consecuencias económicas demoledoras” e os “grandes problemas sociais” derivados desta situación.

Iso si, do mesmo xeito que “Galicia demostrou a si mesma que é capaz de anticiparse e remontar” ante as dificultades sanitarias, o candidato popular mostrouse “convencido de que tamén será capaz de superar antes que outras terras as dificultades económicas e sociais”.

QUE A XENTE “ACUDA Ás URNAS” O 12

Por iso, e en vista de que a superación da “pandemia económica” vai necesitar “a implicación de todos”, o candidato á reelección fixo un chamamento a que a xente “acuda ás urnas o 12 de xullo con tranquilidade” para que “simplemente vote o que crean oportuno” e elixa “a opción política que crea que é mellor”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...