InicioPolíticaA Audiencia ratifica que a concelleira socialista de Ponteareas denunciada por membros...

A Audiencia ratifica que a concelleira socialista de Ponteareas denunciada por membros de Protección Civil non prevaricou

Vanesa Fernández Soage lamenta o "asedio brutal" que sufriu en redes sociais, "acentuado" polo grupo municipal do PP".

PUBLICADO O

A Audiencia Provincial de Pontevedra desestimou un recurso de apelación interposto por tres exmembros da agrupación de Protección Civil de Ponteareas, despois de que un xulgado da localidade sobresese as actuacións por presunta prevaricación contra a concelleira socialista Vanesa Fernández Soage, e ratificou que non hai indicios de que a edila cometese ese delito.

A concelleira de Ponteareas confirmou que a resolución da Audiencia é firme, e que pon de manifesto non só a ausencia de probas do delito, senón tamén a “temeridade” dos apelantes pola “falta de solidez” dos seus argumentos e polo feito de que xa antes acudiran á xustiza para denunciar esa suposta prevaricación, sen que lles deron a razón.

Os feitos remóntanse a febreiro de 2018, cando Fernández Soage era concelleira de Seguridade Cidadá, e varios membros de Protección Civil acudiron a ela para denunciar certas irregularidades no servizo. Tras unha investigación interna, incoouse expediente sancionador, que concluíu coa expulsión do presidente da Agrupación de Protección Civil.

Debido ao “baleiro legal” que se xerou con esta marcha, o goberno local, con asesoramento xurídico, levou a pleno a modificación do regulamento da Agrupación e, pese ao rexeitamento da oposición, aprobouse.

Tras este cambio, en decembro de 2018, un grupo de membros do servizo presentou denuncia por suposta prevaricación contra a concelleira ante a Garda Civil, pero foi arquivada. Pouco despois, presentaron denuncia ante a Fiscalía de Vigo, que tamén resolveu, en marzo de 2019, o arquivo de actuacións porque “os actos denunciados non revisten natureza delituosa e tampouco concorren indicios do delito de prevaricación”.

En outubro de 2019, tres membros de Protección Civil denuncian á concelleira no xulgado de Ponteareas e, de novo, acórdase o sobresemento e arquivo. Esta decisión foi recorrida en apelación e, agora, a Audiencia ratificou que non hai delito. De feito, o órgano provincial sinalou que o escrito de apelación “articúlase sobre afirmacións inveraces”, segundo detallou a concelleira ponteareá.

“ACOSO BRUTAL”

Tras relatar estes feitos, Vanesa Fernández lamentou o “asedio brutal” que sufriu en redes sociais, “acentuado” polo grupo municipal do PP que se facía eco desas actuacións xudiciais que, finalmente, foron arquivadas.

A ese respecto, indicou que a presentación das denuncias e as acusacións políticas do PP coincidiron con períodos electorais, polo que “parece que existe mala fe” nesa insistencia por acusala duns feitos ilícitos que a Xustiza non apreciou.

Por iso, a concelleira de Ponteareas, que agradeceu o “compromiso e responsabilidade” dos membros de Protección Civil por seguir prestando o servizo durante este “lamentable proceso”, sinalou que espera unha “rectificación” por parte dos edís ‘populares’.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...