Abel Caballero afea a Feijóo que “teña tempo para dedicarlle á política electoral” a pesar da crise sanitaria

O alcalde de Vigo di que no seu caso non ten "nin un só segundo para dedicarlle á política electoral".

Abel Caballero / © Miguel Núñez.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afeou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que “teña tempo para dedicarlle á política electoral” a pesar da crise sanitaria actual.

O rexedor socialista sinalou que, neste momento, centra “toda a súa atención” en Vigo, polo que explicou que non dispón de “nin un só segundo para dedicarlle á política electoral”.

“Posiblemente o presidente da Xunta teña a cabeza no ámbito electoral. Eu teño a cabeza na sanidade, na saúde da xente e non teño cabeza neste momento, nin a vou a ter, para cuestións que teñan que ver con política electoral e con eleccións”, afirmou Abel Caballero.

Neste sentido, o alcalde insistiu en que centrou a súa atención “en preservar a saúde da xente de Vigo” e en que prioriza a adopción de decisións que permitan “reactivar a economía” e “facer unha desescalada o máis segura posible”.

En concreto, Feijóo sinalou que a Asesoría Xurídica da Xunta ve “prudente” e “correcto” ir “canto antes” ás urnas para evitar que “un rebrote” dos casos de coronavirus poña “en risco” o dereito a votar dos galegos. Esta situación tivo lugar nun contexto marcado pola suspensión da celebración das eleccións autonómicas convocadas para o pasado 5 de abril debido á crise sanitaria.