O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este martes que era “imprescindible” aprazar as eleccións autonómicas previstas inicialmente para o 5 abril porque, coa actual crise sanitaria, é “imposible” pensar nunha cita electoral.
Nunha comparecencia, o rexedor olívico lembrou que, na actual situación de “emerxencia” pola expansión do coronavirus, “non se podía nin pensar” nunha convocatoria de eleccións, nin en desenvolver unha campaña electoral. “Porque todos estamos coa cabeza nisto”, apuntou, en alusión á crise sanitaria.
O alcalde de Vigo afirmou que, aínda “co importante que son as eleccións e o importante que é a democracia”, nestes momentos “era imprescindible” o adiamento dos comicios porque as autoridades e os cidadáns deben “prestar toda a atención” á loita contra a expansión da epidemia.
“Non se pode pensar que esta sexa unha etapa de normalidade democrática, porque non o é. Agora a prioridade é a saúde, temos que centrarnos niso”, proclamou Abel Caballero.