Alcaldes do Baixo Miño piden retomar o proxecto de urbanización da senda peonil entre Tui e A Guarda

O proxecto inicial, elaborado polos concellos mancomunados, suporía un investimento de 1,6 millóns de euros, e estenderíase desde a Ponte Internacional de Tui ata a desembocadura do Miño.

Estuario do Miño entre Galiza e Portugal
Desembocadura do Miño na Garda, dende o monte Trega / © Miguel Núñez.

Alcaldes da comarca do Baixo Miño reclamaron que se retome o proxecto de urbanización da senda peonil e cicloturista no tramo fluvial do río Miño entre as localidades de Tui e A Guarda.

Este martes, os rexedores mantiveron un encontro coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, para reclamar a súa implicación no impulso desta actuación demandada desde hai máis dunha década para a comarca.

Na reunión participaron o Xefe Provincial de Costas, Enrique Menéndez, os alcaldes de Tui, Enrique Cabaleiro; o da Guarda, Antonio Lomba; e as rexedoras do Rosal, Ánxela Fernández; e Tomiño, Sandra González.

O proxecto inicial, elaborado polos concellos mancomunados, suporía un investimento de 1,6 millóns de euros, e estenderíase desde a Ponte Internacional de Tui ata a desembocadura do Miño, afectando a aproximadamente uns 15 quilómetros.

Maica Larriba expresou o seu interese por este proxecto, xa que o entende como “un investimento de futuro que melloraría o atractivo turístico para esta comarca, especialmente sensible á riqueza e equilibrio ambiental”.

A subdelegada comprometeuse a presentar este proxecto ao propio Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para que promova o seu estudo por parte da Dirección Xeral de Costas e a procura de financiamento.

A subdelegada do Goberno realizará, proximamente, unha visita á comarca para comprobar algunhas das melloras que se realizaron en pequenos tramos por parte dos concellos e que necesitan agora do impulso dun proxecto supramunicipal para esta beira do río Miño.

Os alcaldes tamén confían na implicación da Xunta de Galicia, xa que esta marxe pertence á Rede Natura e, por tanto, está dentro das competencias ambientais da administración autonómica.