Caballero confirma que recorrerá a sentenza sobre o PassVigo e tomará “outras medidas”: “Voulles gañar”

A Xunta lembra ao rexedor que "cando se levantan muros, a lei vén tiralos". A oposición de Vigo cre que esixir empadroamento para bonificar o bus foi un "disparate".

PassVigo
Tarxeta PassVigo, para o transporte metropolitano nesta cidade / Concello de Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este venres que o Concello recorrerá a sentenza que declara ilegal esixir o empadroamento para obter o cartón de bus urbano PassVigo (con bonificación nos billetes) e proclamou: “Voulles gañar, a cidade vailles gañar a Feijóo e Corina Porro”.

O rexedor olívico insistiu en que a sentenza dá a razón ao recorrente (o Concello de Redondela) porque “baséase nunha lei da Xunta que obriga aos cidadáns de Vigo a pagar do seu peto os buses aos de fóra”.

“É por unha lei do ano 2017, de hai dous anos e medio”, reiterou, aínda que é certo que a resolución do xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo tamén alude á vulneración doutras normas, como a lei de Ordenación de Transportes de 1987 (cando, precisamente, Abel Caballero era ministro dese ramo).

O alcalde advertiu de que, ademais da opinión da asesoría xurídica municipal, conta coa opinión de “expertos constitucionalistas” de España, e recalcou que a sentenza coñecida nas últimas horas, “baseada nunha lei antiVigo“, aínda “non é eficaz”. Así mesmo, lembrou que, na propia resolución, o maxistrado expresa as súas “dúbidas” acerca dos feitos axuizados, polo que, “con todo o respecto”, “a sentenza cambaléase”.

Abel Caballero cualificou como “triste” que tanto Corina Porro como Feijóo “se alegren” de que se aplique esa lei “para que os vigueses paguen”, e advertiu de que vai seguir “dando a batalla” para defender os intereses dos cidadáns de Vigo.

Finalmente, recalcou que, en calquera caso, o cartón PassVigo (que, ademais de para o bus urbano, se utiliza para outros servizos municipais) “é soamente para a xente de Vigo, e ninguén de fóra tena nin a vai a ter”. “É exclusiva para os empadroados en Vigo”, sentenciou.

“Cando se levantan muros, a lei vén a tiralos”

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras participar nun acto en Vigo, sinalou que o goberno municipal “está no seu dereito” de recorrer a sentenza, aínda que apuntou que “o xuíz falou clarisimamente”.

“Hai lexislación europea, estatal e autonómica, que di que cando se levantan muros a lei vén tiralos. Aquí pretendíase levantar un muro, (…) e todos somos iguais ante a lei”, aseverou.

Un disparate

Os partidos da oposición no Concello de Vigo constataron este venres, tras coñecerse a sentenza que declara ilegal a esixencia do empadroamento para obter a PassVigo con bonificacións nos billetes do bus urbano, que impor esa condición foi un “disparate”, e advertiron de que a única solución a este conflito é que a cidade se integre nun sistema de transporte metropolitano.

O portavoz do PP, Alfonso Marnotes, lembrou que a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo refírese a a vulneración de varias normas, entre as que está unha lei de ordenación do transporte aprobada cando Abel Caballero era ministro do ramo, en 1987.

Nesa norma establécese, incidiu o concelleiro ‘popular’, que o transporte público pode ser utilizado “sen discriminación” por calquera persoa, polo que concluíu que Caballero ten “unha dobre linguaxe”: o que usaba como ministro esixindo “igualdade e non discriminación”, e o que usa como alcalde.

O PP subliñou tamén que a esixencia do empadroamento para acceder ao cartón de transporte (PassVigo) non está recollida nin no prego de condicións da concesión nin en ningún acordo. “É un invento de Abel Caballero, un dedazo, unha cacicada sen soporte legal algún”, afirmou Marnotes, que criticou as “mentiras” e “paranoias” do alcalde, a quen a sentenza puxo “no seu sitio”.

Marea de Vigo apuntou que a sentenza “deixa claro que o sistema do cartón é unha inutilidade” e “non había que ser moi lumbreras” para saber que “era imposible” que se aceptase só para censados. Así, en lugar de facer un bono universal, o alcalde, “nun alarde de personalismo delirante”, articulou un “sistema ridículo”, segundo o portavoz do grupo, Rubén Pérez.

Rubén Pérez advertiu de que a resolución do xulgado leva “ao momento de inicio”, cando había un cartón que se repartía sen condicións e sufragada unicamente polo Concello, sen axuda da Xunta, polo que instou a aceptar o convenio asinado en 2015 ou redactar un novo convenio para integrar o bus de Vigo no transporte metropolitano.

O concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, afirmou que a decisión de limitar o acceso ao cartón Pass e as bonificacións no billete de bus unicamente a persoas empadroadas na cidade, “foi un disparate”, ademais de “irracional en termos de mobilidade”, porque eses bonos permiten potenciar o uso do transporte colectivo.

“É delirante que unha gran cidade como Vigo, que debe liderar a súa área metropolitana, aplique restricións como a discriminación no cartón Pass”, apuntou o edil nacionalista, quen censurou o “localismo de luces curtas” do rexedor, en contraposición con outras cidades, onde non se aplican esas condicións. “Con medidas como esta, Caballero demostra que quere empequeñecer Vigo, converténdoa nunha pequena cidade-Estado medieval, amurallada e enfrontada con todos por todo”, resolveu.