Está Audasa financiando a precampaña electoral do PP en Vigo?

Esta é a denuncia que fai o PSOE despois de que a Xunta presentara oficialmente as alternativas para iluminar a ponte de Rande. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade rexeita as acusacións: "Hai burradas que non merecen contestación"

Unha das propostas de iluminación para a ponte de Rande, na ría de Vigo.. XUNTA DE GALICIA-SETGA

O PSOE de Vigo preguntou este martes se a concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, “está a financiar a precampaña electoral do PP”, despois de que a Xunta presentase oficialmente as alternativas para iluminar a ponte de Rande, un proxecto que, en teoría, está a tramitar a empresa, e que á única administración que compete é ao Goberno, titular desa autoestrada.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, o secretario xeral do PSOE na cidade olívica, Abel Losada, quen tachou de “inaudito” que responsables da administración autonómica (o vicepresidente, Alfonso Rueda; a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; e a delegada da Xunta, Corina Porro) tivesen a “desvergoña” de presentar “como propio” un proxecto desenvolvido por unha empresa privada para unha infraestrutura titularidade do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Segundo Losada, a concesionaria negou que lle facilitou o proxecto á Xunta, por tanto, ou ben o goberno galego teno por “unha especie de roubo de luva branca”, ou ben Audasa si llo trasladou. Nese caso, o responsable do PSOE vigués esixiu “explicacións da Xunta desa alianza estratéxica” coa concesionaria, que obtén “importantísimos beneficios” grazas a decisións tomadas por gobernos do PP, como a prórroga da concesión ata 2048.

FINANCIAMENTO DA PRECAMPAÑA

“O PSOE de Vigo quere saber se Audasa está a financiar a precampaña electoral do PP. Teno que contestar a concesionaria e tamén o PP e, se é así, espero que nas contas do Tribunal de Contas, que avalía os gastos electorais, estes gastos aparezan recollidos”, proclamou Abel Losada.

Finalmente, tras advertir de que os socialistas levarán esta cuestión ao Parlamento galego, denunciou que ao PP “lle vale absolutamente todo” en precampaña, “con tal de tentar desesperadamente ter nos medios o que non teñen na vontade dos cidadáns, que apostan polo cambio político”.

INICIATIVA DA XUNTA

Pola súa banda, o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, cuestionado polos medios acerca das críticas do ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, lembrou que o proxecto para iluminar a ponte de Rande foi unha “iniciativa da Xunta”, mesmo “persoal do presidente” galego, e que foi o goberno autonómico o que a trasladou á concesionaria.

En todo caso, rexeitou que a administración central se poida “molestar” por facer públicas as alternativas para iluminar a ponte, posto que o ministerio as coñece desde hai meses e ten “parada inexplicablemente” a iniciativa. “Sabendo dabondo que, ao final, as últimas negociacións son entre a concesionaria e o ministerio, que ten desde hai meses o proxecto para decidir as opcións, o que debe facer é decidirse canto antes”, apuntou.

Rueda tamén sinalou que o financiamento dese proxecto (cuxo custo, dependendo da empresa, oscilaría entre 226.000 e un millón de euros) correría a cargo de Audasa e que mesmo o goberno galego se ofreceu a “colaborar” economicamente “se o problema fose ese”.

Finalmente, tras cualificar como “curioso” que o ministerio que dirixe Ábalos leve “dez díaz calado” e o ministro “resucitase” para falar da iluminación de Rande, Alfonso Rueda sinalou que, “xa que fala”, debe acometer canto antes esa actuación e, “de paso, falar de temas pendentes da AP-9“, como a supresión da peaxe en Redondela, a transferencia ou as bonificacións.

“BURRADAS”

A polémica pola iluminación de Rande segue o seu curso. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rexeitou duramente as acusacións trasladada polo PSOE de Vigo.

“Hai burradas que non merecen contestación”, sinalou, respecto diso, a titular de Infraestruturas, quen advertiu aos socialistas que hai moitas cuestións que preocupan aos galegos, como “a peaxe” ou as “pantallas acústicas” que esperan os veciños de Redondela, e que “merecen máis contestacións que unhas luces”.

Non lle imos a pedir permiso a Madrid para falar das infraestruturas galegas, como pode ser a ponte de Rande, ou o AVE a Galicia, porque son infraestruturas que queren os galegos e demandan os galegos”, advertiu Vázquez.

Defendeu que a iluminación de Rande foi unha iniciativa da Xunta “xa en 2017”, cando solicitaron á concesionaria que “puxese en valor” esta infraestrutura con catro propostas técnicas presentadas pola Administración galega.

“Iso significa que é iniciativa da Xunta”, reiterou, para despois lamentar que desde o Ministerio de Transportes no canto de ver “unha man tendida” desde “a máxima lealdade”, sexa vexa “un ataque”.

Neste sentido, destacou o “máximo interese” do Goberno galego en falar de “a AP9, a Ponte de Rande e o AVE a Galicia co Goberno de España”, e solicitou formalmente a reunión “urxente” da comisión de seguimento da infraestrutura para “falar da transferencia” e da “bonificación” das peaxes.