InicioPolíticaO BNG levará ao pleno de Vigo a petición de medidas urxentes...

O BNG levará ao pleno de Vigo a petición de medidas urxentes para salvar a actividade de Vulcano e Barreras

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, instou o Goberno central e a Xunta de Galicia a buscar mecanismos para abordar a crise do sector naval de Vigo.

PUBLICADO O

O BNG de Vigo levará unha moción, para o seu debate no pleno municipal deste mércores, na que reclama á Xunta e ao Goberno central que adopten “medidas urxentes” para asegurar a continuidade da actividade nos estaleiros Vulcano e Hijos de J. Barreras, así como no conxunto do sector naval.

A moción foi presentada o luns en rolda de prensa polo concelleiro Xabier Pérez Igrexas, quen lembrou que o naval é un sector “estratéxico” para a cidade e a comarca, e alertou de que “non se están tomando as medidas necesarias” para salvagardalo.

Na súa iniciativa, o edil nacionalista reclama a “intervención pública” da Xunta en Barreras e Vulcano, para garantir a continuidade da actividade e o emprego. Así mesmo, demanda a creación do Centro de Reparacións Navais na ría de Vigo, a convocatoria urxente da mesa de contratación do naval e que se aplique a lei 4/10 de Fomento do sector Naval de Galicia, que o PP converteu “en papel mollado”.

Pérez Igrexas tamén solicitou, con respecto a Vulcano, un compromiso por parte da Autoridade Portuaria de Vigo e de Portos do Estado para que se manteña a actividade naval nesas instalacións, e rexéitense outros usos na parcela de dominio público.

O concelleiro nacionalista pediu ao presidente do Porto de Vigo o “cesamento no seu claro boicot a Vulcano” e que “se marche, que dimita ou que a Xunta propoña o seu cesamento”.

Finalmente, o BNG insistiu na necesidade dunha tarifa eléctrica galega, a constitución dun Instituto Galego de Crédito e Financiamento e dunha Corporación Industrial Pública Galega.

NÉSTOR REGO

Por outra banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, instou o Goberno central e a Xunta de Galicia a buscar mecanismos para abordar a crise do sector naval de Vigo.

Rego rexistrou un escrito na Cámara baixa no que pide ao Executivo estatal que declare a construción naval en Galicia como un sector económico e produtivo estratéxico. E é que para o BNG, a “desertización industrial que atravesa a comarca de Vigo representa un grave problema, non só para esta área senón por extensión para o conxunto de Galicia”.

“Reverter esta situación esixe que as administracións publicas competentes adopten medidas efectivas, con compromisos firmes que vaian máis aló da propaganda e os anuncios electoralistas”, asegura.

O deputado nacionalista considera que se trata dun sector “eminentemente estratéxico para esta comarca pero tamén para o conxunto de Galicia”. Con todo, apunta que na actualidade o naval representa na zona de Vigo “menos de 2.000 postos de traballo cando chegou a superar os 10.000”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...