InicioPolíticaOs alcaldes do Condado e da Louriña denuncian un trato discriminatorio aos...

Os alcaldes do Condado e da Louriña denuncian un trato discriminatorio aos municipios galegos

Catro alcaldes nacionalistas do Condado e da Louriña subscriben un manifesto no que piden un "cambio de rumbo" en Galicia.

PUBLICADO O

Catro alcaldes nacionalistas do Condado e da Louriña decidiron facer algo que, aparentemente non custa nada, pero que nos ámbitos políticos de Santiago é imposible; poñerse de acordo para tentar facer país.

Así, os alcaldes das Neves (BNG), Ponteareas (BNG),  Salceda de Caselas (Movemento Salceda) e Mondariz (Alternativa por Mondariz) deixaron de lado as siglas políticas e subscribiron un ‘Manifesto das alcaldías nacionalistas do Condado-Louriña’, no que fan un chamamento a unha “gran mobilización social” e a un “cambio de rumbo” para o país.

Os rexedores denuncian un “trato discriminatorio” para os municipios galegos por mor dun “deseño económico” que atribúe ao país un papel secundario. Así, lembran que os concellos son as administracións máis próximas á veciñanza e que teñen a responsabilidade “de facer efectivos dereitos subxectivos, individuais e colectivos” e, para iso, din, é necesario “posuír un modelo previo, un proxecto definido que responda aos intereses da maioría social e que contribúa ao proceso de construción nacional”. Porén, desde o Estado español e a Xunta opóñense a ese escenario. Estes catro alcaldes d

Reclaman un “País ordenado e gobernado como unha nación que ten dereitos e capacidade normativa” para avanzar e acabar coa “emigración xuvenil, dependencia, baixos salarios, pensións escasas”.

Este é o manifesto:

Manifesto das Alcaldías Nacionalistas do Condado e Louriña
25 de Xullo. Patria Galega.
As Neves.
Mondariz.
Ponteareas.
Salceda de Caselas.

Achégase o 25 de Xullo, dia da Patria Galega, e a simboloxía da data vainos servir para reflexionar sobre o territorio que gobernamos nas catro Alcaldías nacionalistas do Condado e a Louriña, sobre os obxectivos e o modelo de País que construímos.

Os gobernos municipais, no papel de administracións mais próximas á cidadanía, debemos construír modelos sociais que contribúan a mellorar a calidade de vida. Ese cometido non remata nos límites dos nosos respectivos Concellos, pois tan só será completamente útil cando, sumados, os proxectos permitan termos un País que gobernemos. Unha nación.

Poñer en funcionamento servizos e facer efectivos dereitos subxectivos, individuais e colectivos, require posuír un modelo previo, un proxecto definido que responda aos intereses da maioría social e que contribúa ao proceso de construción nacional.

Os gobernos do Estado e a Xunta, e as estruturas de poder e administrativas asociadas a este modelo territorial de estado, posúen claramente un proxecto e uns obxectivos que poñen límites, -e impoñen normas-, para facelo perdurar e impedir que floreza outro alternativo, como nos pretendemos.

Mudar o sistema de financiamento e o competencial, eliminar a regla de gasto para que cada Concello poida investir os seus recursos, sen condicionantes que obedecen a
intereses estatais; reestruturar o territorio contando coas Comarcas como estruturas de desenvolvemento, eliminando as Deputacións, e dotando aos Concellos das nosas
dimensións de capacidade económica e normativa real, para asegurar a existencia de servizos sociais de calidade, equiparables ou superiores, aos que existen en áreas urbanas, poñendo como centro da acción política as condicións de vida das persoas e dos territórios, fomentando a ocupación ordenada do mesmo, valorando o cuidado do agro e do forestal como un instrumento socio-económico, son obxectivos que conforman o noso modelo e se confrontan co que actualmente nos impoñen.

Para iso necesitamos un País ordenado e gobernado como unha nación que ten dereitos e capacidade normativa, e que debe rebelarse contra os límites que nos impón o modelo do Goberno central. Somos un país cun enorme potencial que non podemos aproveitar por falta de poder político, o que se traduce en emigración xuvenil, salarios baixos, pensións escasas e dependencia.

Como sociedade somos conscientes, cada día mais, de que o trato desigual e discriminatorio que recibimos na Galiza a respeito doutras nacións do Estado é froito dun deseño económico no que nos atribúen un papel secundario, no que practicamente non contamos.

E temos capacidade e recursos e intelixencia e creatividade para tutelar e decidir por nós mesmas como vivir e que País construír. Como facemos nos Concellos, cada dia, superando o pasado, xestionando o presente, e deseñando o futuro con ilusión e sen renunciar a nada, pois estamos convencidas e convencidos de que tan só se avanza atrevéndose a poñer en cuestión a realidade para cambiala.

Mudar modelos urbanos, paisaxísticos, de comunicacións, de Infraestruturas, de contratación, prestacionais, de colaboración social, modelos culturais, etc, como ocorre xa en Concellos gobernados polo nacionalismo de esquerda, é obxectivo para (re)construir o País.

Non vale calar, nin resignarse, hai que ter a valentía de defender e enorgullecerse de todo o que queremos, por iso convidamos a todas as mulleres e homes do Condado e a Louriña a unha gran mobilización social no Día da Patria en defensa da dignidade do noso País e a poñer en marcha o cambio de rumbo que necesita Galiza.

Asdo: Xosé Manuel Rodríguez Méndez.Alcalde das Neves.
Asdo: Xoan Carlos Montes Bugarín. Alcalde de Mondariz.
Asdo: Xosé Represas Giraldez. Alcalde de Ponteareas.

Asdo: Marcos David Besada Pérez. Alcalde de Salceda de Caselas.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...