O alcalde de Gondomar acusa á Xunta de reunirse con empresarios da localidade por motivos electoralistas

Paco Ferreiras, alcalde de Gondomar / FB P. Ferreiras

O alcalde de Gondomar (Pontevedra), Paco Ferreira, criticou a reunión mantida por conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez coa Asociación de Empresarios da Pasaxe e asegurou que buscaba “achandar o camiño a (Alberto Núñez) Feijóo de cara ás eleccións autonómicas” máis que abordar as “necesidades” da localidade.

Nun comunicado, o rexedor referiuse así ao encontro no que a conselleira anunciou que se destinarán 435.000 a melloras nos accesos da PO-331 ao Polígono Industrial da Pasaxe. A ese respecto, Ferreira lembrou que a cantidade inicial exposta para esta actuación ascendía a 700.000 euros, polo que se preguntou “a que se destinará o diñeiro restante”.

En canto ás actuacións anunciadas, reprobou que non se deu resposta á demanda de melloras nos accesos a Monte Galiñeiro e avogou por que o Executivo autonómico colabore na creación dunha senda peonil na vía que conecta Vincios e Couso.

Adicionalmente, lamentou que Ethel Vázquez non se reuniu coa Asociación Veciñal de Vincios, a Comunidade de Montes e o goberno local, o que, ao seu xuízo, permitiría abordar a urbanización do polígono. Ante esa situación, o rexedor socialista denunciou que o Goberno galego priorice a “cor política” dun concello fronte ás súas “necesidades”.