O PP de Ponteareas celebra que se limite a compatibilidade dun edil do BNG cando exista “conflito de intereses”

O concelleiro defende que o matiz introducido na resolución do pleno xa se contemplaba no acordo inicial, aprobado no verán

Cristina Fernández, Xosé Represas e Roberto Mera / BNG de Ponteareas

O PP de Ponteareas celebrou que o acordo da compatibilidade do concelleiro do goberno local Roberto Mera co seu traballo como avogado se aprobase en pleno co matiz de que só sería posible cando non exista “conflito de intereses” entre ambas as funcións.

Os populares lamentaron que este acordo “non fose aprobado así desde o principio”. Deste xeito, criticou que non se modificase ata que a Valedora do Pobo requiriu información sobre esta situación ao Concello por mor dunha queixa do PP.

En concreto, a semana pasada o pleno da corporación local avalou esta resolución tras a presentación dun recurso por parte do PP contra a aprobación da compatibilidade entre a ocupación pública e privada do concelleiro do BNG, que tivo lugar no verán. Así, o martes pasado, os grupos municipais do BNG, o PSOE e o PP votaron a favor, mentres que o de Alternativa Cidadá de Ponteareas se abstivo xunto a Roberto Mera.

Pola súa banda, o concelleiro nacionalista remitiu unha carta aberta aos medios na que insistiu en que a nova resolución “non supón unha estimación do recurso” presentado polo PP, dado que este perseguía a anulación da concesión da compatibilidade.

Nesta liña, remarcou que limitar a compatibilidade das funcións aos casos nos que non exista conflito de intereses supón “a introdución dunha consideración que resulta obvia” debido a que así o contempla a Lei 40/2015.

Ademais, asegurou que el mesmo detallou nas súas alegacións esta circunstancia legal e acusou á portavoz popular de “querer apropiarse” desta xustificación que o acordo aprobado pola corporación municipal “recolle literalmente”.

Así mesmo, o edil nacionalista apuntou que a queixa trasladada á Valedora do Pobo polo PP é equivalente ao recurso que este partido presentou contra a resolución inicial adoptada no verán respecto da compatibilidade das súas funcións.