InicioPolíticaCorina Porro critica a "obstrución" do alcalde ao programa 'Coñece Vigo' por...

Corina Porro critica a “obstrución” do alcalde ao programa ‘Coñece Vigo’ por “ser iniciativa da Xunta”

A delegada da Xunta en Vigo lamenta a "confrontación permanente" na que ve instalado a Abel Caballero. O Concello acusa acusa o Goberno galego de querer bloquear todo o aforamento de xacementos municipais.

PUBLICADO O

A delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, denunciou este luns a “obstrución” que, ao seu xuízo, o alcalde, Abel Cabellero, realiza ao programa ‘Coñece Vigo’ polo “simple feito de ser unha iniciativa da Xunta de Galicia”.

Porro lamentou a “confrontación permanente” na que vive instalado ao alcalde, Abel Caballero, que, ao seu xuízo, “pretende impedir calquera iniciativa por parte da Administración autonómica”.

No caso do programa ‘Coñece Vigo’, presentado recentemente polo Goberno galego e que consta de nove rutas guiadas pola historia, a cultura, a economía e o patrimonio da cidade, Porro asegurou ter coñecemento de que o rexedor vigués deu orde de “pechar as portas aos vigueses” no caso da ruta do Vigo Castrexo e a do Vigo Romano. Unha situación que cualificou de “inconcibible”.

Porro explicou que, a pesar de que os espazos estaban xa reservados e pechados con tempo para as visitas programadas, “o alcalde sacouse un as da manga” para impedir que a Xunta leve a cabo este programa, xa que o Caballero cambiou as condicións aplicando unha nova fórmula de reserva “que fai inviable manter as visitas”.

Deste xeito, tras advertir de que este tipo de actitudes son propias do “matonismo político” do rexedor vigués, a tamén exalcaldesa olívica sinalou que “os únicos que saen perdendo son os vigueses”. “Os nosos veciños deben saber que é o seu alcalde o que lles está impedindo entrar nos seus museos e gozar do seu patrimonio cultural”, criticou.

“Máis colaboración e menos confrontación”, reivindicou Porro, quen entende que son prácticas que “non conducen a ningún sitio”. “Seguir atacando a Xunta non lle reportará máis que perdidas aos vigueses”, apuntou Porro, para reclamar ao alcalde que “deixe de cuestionar todas e cada unha das actuacións” que dependen do Executivo autonómico.

RESPOSTA DO CONCELLO

O goberno municipal saíu ao paso das acusacións de obstrución por parte da Xunta, no relativo aos xacementos arqueolóxicos dependentes do Concello e que figuran na lista de rutas do programa ‘Coñece Vigo’, e acusou á Administración galega de pretender reservar todo o aforamento destas instalacións, bloqueando o acceso ao resto de visitantes.

O goberno local asegurou que o Concello “tivo coñecemento no día de hoxe de que unha guía turística pretendía reservar todo o aforamento das instalacións arqueolóxicas do Castro e de Mirabell, coma se se tratase dunha propiedade privada“.

O Concello lembrou que “todos os cidadáns teñen garantido o acceso” a eses xacementos, cumprindo unha normativa que está vixente desde hai máis de dez anos. Ante esta situación,  informou de que “non é posible bloquear todo o aforamento dos xacementos” e que tiña que “cumprir as normas habituais, xa que se trata dunha propiedade municipal e patrimonio de todos os veciños de Vigo”.

Por outra banda, sinalaron que a persoa que pretendía facer esa reserva se identificou como guía da Xunta, aínda que “non o acredita” e que trasladou o seu desexo de prescindir dos guías municipais neses xacementos.

Por todo iso, o Concello denegou a solicitude realizada e emprazou á Xunta a cumprir “as mesmas normas que o resto de cidadáns”. “A Xunta de Galicia e a súa delegada na cidade, Corina Porro, tentan rirse de novo de Vigo e tomarlle o pelo á cidadanía, bloqueando o acceso aos xacementos arqueolóxicos, e impedindo a entrada dos visitantes durante dous meses para promover a campaña política na que están inmersos”, denunciou Abel Caballero.

A ese respecto, o goberno vigués lembrou que estes xacementos arqueolóxicos “non son propiedade da Xunta”, senón un patrimonio municipal “aberto a calquera cidadán”, e “nunca se lle cedeu a ninguén a posibilidade de entrar de forma exclusiva”.

“Sorpréndenos que a Xunta, administración que non achegou nin un só euro para a recuperación dos xacementos da cidade, pretenda agora quedar con eles”, proclamaron fontes municipais.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...