Sanidade esixe o cumprimento do concerto con Povisa para manter o emprego e a calidade asistencial

O Sergas, segundo afirmou o conselleiro de Sanidade Jesus Vázquez Almuiña, cumpriu "en todo momento, escrupulosamente, as condicións do concerto"

Alberto Núñez Feijóo e Jesús Vázquez Almuiña / diariomedico.com

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, considerou que a adquisición de Povisa por parte do grupo Ribera Salud non debe afectar o concerto que o Sergas ten co hospital e subliñou que a Xunta seguirá esixindo o seu cumprimento nos “termos acordados e pactados” para o mantemento do emprego e da calidade asistencial.

A venda deste hospital centrou o peche do pleno da Cámara galega, sesión na que o conselleiro deu resposta a unha interpelación formulada pola deputada do BNG, Motse Prado, así como a tres preguntas realizadas polo Grupo Común dá Esquerda, o PSdeG e o Partido Popular.

O Sergas, segundo afirmou Almuiña, cumpriu “en todo momento, escrupulosamente, as condicións do concerto”. Así, sinalou que en xaneiro de 2019 asinouse unha modificación dalgunhas condicións do concerto para “permitir manter o nivel de emprego en Povisa, apostando por un emprego estable e de calidade, garantindo para iso os niveis de actividade necesaria que unicamente o mantemento do concerto pode asegurar”.

Así mesmo, en conselleiro insistiu en que a principal preocupación do Goberno galego respecto de Povisa sempre foi o mantemento da calidade asistencial e dos postos de traballo, independentemente de quen fose o propietario do hospital.

Ademais, asegurou que, coa venda de Povisa, está a falarse dunha “decisión empresarial cunha multinacional que xestiona servizos sanitarios” en distintos países e puxo en valor o feito de que non se trata dun fondo financeiro ou investidor.

POVISA “NON EXISTIRÍA”

Na súa intervención, o conselleiro tamén subliñou que se o Servizo Galego de Saúde non avaliase a situación e modificase o concerto cando se presentou o concurso de acredores “probablemente Poivsa non existiría” e “tampouco os 1.500 postos de traballo que supón”.

Nesta liña, incidiu en que o contrato con este centro hospitalario de Vigo, que atende ás 135.000 persoas, “existe desde o ano 1976″, foi renovado no 2000, prorrogado no 2008. Todo iso antes de que o actual fose formalizado en 2014, cun prazo de execución de oito anos”.

O conselleiro, ademais, subliñou que os cidadáns teñen agora dereito de elección de centro, un dereito que poden exercer anualmente tal e como se recolle no concerto de 2014, e no que se establece un teito de poboación de 139.000 persoas.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

A deputada do BNG Montse Prado foi a encargada de interpelar sobre este asunto ao conselleiro de Sanidade, ao que afeou que non acudise a petición propia a dar explicacións sobre “un tema de enrome relevancia” á Cámara. “E non só non o fixo senón que case non se pronunciou”, afeoulle.

A nacionalista criticou que a Xunta actúe ante esta venda coma se tratásese dunha “simple transacción entre particulares”. “Non é unha venda calquera, trátase do maior hospital privado do Estado con concerto”, subliñou.

“Lonxe de garantir un uso correcto dos recursos públicos, o Partido Popular o que fixo é que todas as decisións fosen tomadas para que Povisa fose imprescindible”, asegurou Montse Prado, que denunciou o peche de camas nos centros públicos da área de Vigo.

Ademais, tras acusar aos populares de ser “os grandes introductores das multinacionais na sanidade privada” galega, censurou que a Xunta non adquirise este hospital polos “24 millóns” nos que se cifra a súa venda.

COMA SE OS TRABALLADORES “FOSEN NÚMEROS”

Pola súa banda, nunha pregunta posterior, a deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla acusou ao conselleiro de tratar aos traballadores de Povisa, que acudiron a presenciar o debate, “coma se fosen números”.

“Unha vez máis acaban de vender aos traballadores, nunha operación absolutamente orquestrada desde a Consellería de Sanidade“, argumentou Eva Solla, que lamentou que os habitantes da área sanitaria de Vigo teñan que ter “a súa sanidade dependente dos grandes fondos de investimento grazas a un PP que tamén é responsable da crise industrial” na comarca.

“FRAGUARON A OPERACIÓN”

Na súa intervención, o deputado do PSdeG Xullo Torrado reclamou “atención pública” e “un centro público con persoal público” para resolver a situación de Povisa. Ademais, esixiu a Sanidade unha auditoría sobre a situación e coñecer o convenio do concerto entre o Sergas e os propietarios do hospital.

Así mesmo, despois de que o conselleiro cuestionase o posicionamento do PSOE sobre a venda deste centro, Torrado lembrou que o seu grupo votou a favor no debate de política xeral dunha resolución que pedía “estudar a fórmula administrativa máis adecuada e favorable que permita ao Sergas asumir a atención sanitaria do centro, garantindo os postos de traballo e as prestacións“.

“Vese contentísimo coa venda, se vai cobrar un bono ten que avisar ao Parlamento“, chanceou o parlamentario socialista, unhas palabras polas que foi reprendido polo presidente da Cámara, Miguel Santalices, que lle esixiu retirar a afirmación.

Pola súa banda, o popular Aurelio Núñez Centeno defendeu a actuación da Xunta en relación coa sanidade da área de Vigo e cargou contra a oposición ao lembrar que acusaban o Goberno galego de favorecer a sanidade privada pero que o propio concerto con este hospital vigués provocou unha situación “a punto estivo de levar á quebra” á empresa pero que foi “reconducida”.