InicioPolítica(Vídeo) Abel Caballero: "Feijóo sempre di que non a Vigo... Estase a...

(Vídeo) Abel Caballero: “Feijóo sempre di que non a Vigo… Estase a rir de Vigo”

Acusa ao presidente galego de "falsear" os datos de relativos ao investimento realizados na cidade.

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de “falsear” os datos de relativos ao investimento realizado por parte do Goberno galego na cidade e lamentou que “dixese que non” aos requirimentos que lle realizou a través dunha carta para restablecer o diálogo entre ambas as administracións tras ser reelixido como rexedor olívico. “Sempre di non a Vigo”, asegurou.

Así se pronunciou, a preguntas dos xornalistas, en relación á resposta de Feijóo á súa carta, feita pública esta semana, e na que este cifraba o investimento do Executivo galego en Vigo en máis de mil millóns de euros durante a última década. O presidente da Xunta, ademais, criticou a “permanente confrontación” levada a cabo polo goberno local olívico.

A este respecto, Abel Caballero reprobou que Feijóo asegurase que “xa investiu máis do que debería” en Vigo tras “dicir que non destinará fondos” a ningunha das actuacións nas que o rexedor puxo o foco na carta remitida. Así, acusou ao presidente autonómico de “rirse” da cidade na súa resposta e reprobou a súa “desvergoña política”.

Ante esta situación, advertiu de que o tratamento da Administración autonómica á maior galega é “peor” que antes das últimas eleccións municipais, cuxo resultado –o PSOE obtivo 20 dos 27 concelleiros e o PP pasou de sete a catro–asegurou que supuxo unha resposta da cidadanía á Xunta.

Deste xeito, volveu a criticar que o Goberno galego non retirase a candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas ao recoñecemento de Patrimonio da Humanidade da Unesco –o Concello olívico avoga pola presentación en solitario das Illas Cíes–.

Tamén reprobou de novo que a Xunta “promova” o tráfico aéreo no aeroporto de Lavacolla e non no de Peinador –afirmación que o Executivo autonómico desmentiu en varias ocasións– e que solicitase a suspensión da área metropolitana de Vigo.

Nesta liña, acusou tamén á Administración autonómica de “non crear chan industrial” na urbe, ademais de “non apoiar” economicamente a celebración de concertos na mesma. Tamén reclamou a Feijóo que a Xunta destine fondos ao estadio de fútbol de Balaídos e as pistas de atletismo, así como aos centros de día e de atención a drogodependentes da cidade olívica, entre outras actuacións.

HUMANIZACIÓN DA AVENIDA DE MADRID

Por outra banda, o alcalde de Vigo avanzou que a firma do convenio que permitirá iniciar os trámites para acometer a humanización da avenida de Madrid será inminente e lembrou que se atrasou debido a que solicitou un incremento da contía destinada a este fin.

Así, puxo en valor que o Goberno central investirá 3,5 millóns de euros máis dos previstos nesta actuación, o que suporá un montante final “superior aos 8,5 millóns de euros”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...