O BNG cre que a retención dun pesqueiro vigués en Irlanda foi un “feito discrimantorio” e pide que se investigue

"Trátase da terceira retención dun barco galego no que vai de ano", recorda o Bloque.

O barco 'Río Mau' / VESSEL FINDER

O BNG reclamou que se investigue a retención durante catro días do pesqueiro vigués ‘Río Mau’ en Irlanda ante a sospeita de que poida tratarse dun “feito discrimantorio”.

A formación frontista solicita á Xunta que se dirixa ao Goberno español para que “tome cartas no asunto” ante o “dubidoso” proceder das autoridades irlandesas.

O arrastreiro vigués ‘Río Mau’ foi retido esta semana na localidade irlandesa de Castletownbere debido a un incumprimento da normativa de seguridade.

A detención por parte das autoridades irlandesas produciuse debido ao estado dunha escaleira manual da que se debe dispor nestes buques para subir a bordo.

Así, o BNG afirma que as propias autoridades “admiten que houbo un erro á hora de estimar as capturas de rape e rapante a bordo, pero o certo é que se trata da terceira retención dun barco galego no que vai de ano”.