Feijóo nega que queira competir en luces con Caballero: “Compito en servizos públicos, non en luces”

Asegura que a iluminación con "proxección internacional" da Ponte de Rande ten que ver con "poñer en valor unha imaxe simbólica de toda a ría de Vigo".

Feijóo, Ana Pastor, Rajoy e Gómez de la Serna na inauguración da ampliación da Ponte de Rande / @ Miguel Núñez.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, negou que a iluminación “con proxección internacional” da Ponte de Rande, da que falou este mércores a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, sexa para competir coa instalación das luces de Nadal en Vigo, que comezou este mércores, cando aínda quedan dez días para que termine o verán.

“O que queremos é dotar de iluminación unha obra icónica como a ponte de Rande“, dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta a preguntas de Xornal de Vigo. Ethel Vázquez dixo que a ponte de Rande, todo un símbolo da Ría de Vigo e de Galicia, lucirá pronto como o Golden Gate de San Francisco ou a Tower Bridge de Londres, dous dos exemplos nos que se inspirou a Xunta de Galicia para encargarlle a Audasa, a concesionaria da autoestrada A-9, a iluminación da ponte galega.

Núñez Feijóo negou que estea a competir con Caballero en luces e explicou que esta proposta –a de iluminar a Ponte de Rande– xurdiu “hai un ano” cando el mesmo se reuniu co presidente de Audasa. “Nese encontro abordouse a conveniencia de pór en valor un monumento simbólico como é a ponte que é a imaxe corporativa de toda a Ría de Vigo, da mesma forma que se ilumina a Catedral de Santiago ou a Torre de Hércules na Coruña”, salientou

Decisións que, dixo, nada teñen que ver coa potente iluminación do Nadal que cada ano impulsa Abel Caballero no municipio vigués. “Asegúrolle que non estou a competir en luces con ninguén, quero competir en servizos públicos, non en luces”, espetoulle ao xornalista.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here