InicioPolíticaYolanda Díaz avisa que non haberá acordo "as últimas 48 horas" co...

Yolanda Díaz avisa que non haberá acordo “as últimas 48 horas” co PSOE

A deputada de Unidas Podemos volveu a subliñar que "a pretensión de repetición electoral" manifestada, ao seu xuízo, por Ábalos nos últimos días e "os actos de Sánchez" que parecen conducir a esa repetición son unha "altísima irresponsabilidade".

PUBLICADO O

A deputada de Unidas Podemos-Galicia en Común e membro do equipo negociador co PSOE, Yolanda Díaz, pediu “deixar de xogar ou frivolizar desde Moncloa” sobre a formación do Goberno e, tras coñecer que se retomarán os contactos esta semana (como anunciou Ábalos), advertiu de que “non será posible” un acordo se a intención de Sánchez é atrasar o diálogo ás “últimas 48 horas”.

Así o trasladou, en declaracións aos xornalistas, tras manter un encontro con empresarios en Vigo, e confirmou que o seu grupo se decatou a través dos medios da intención do PSOE de retomar o contacto dos equipos negociadores esta semana. “O que queremos é que retome o diálogo de maneira inmediata”, proclamou.

Yolanda Díaz volveu a criticar o “difícil” que é “saber o que pensan os dirixentes do PSOE”, que o pasado venres dicían “que querían campaña electoral”, e este luns “din que sentan a dialogar”.

A ese respecto, a deputada de Unidas Podemos sinalou que o seu grupo sentará ao dialogar cando sexa chamado “se hai tempo”. “Se o señor Sánchez pretende repetir a xogada de conducirnos ás últimas 48 horas, non será posible”, advertiu, e recalcou que “o primeiro goberno de coalición e progreso do país non se pode forxar en 48 horas”.

O “ABISMO” DA REPETICIÓN ELECTORAL

Yolanda Díaz volveu a subliñar que “a pretensión de repetición electoral” manifestada, ao seu xuízo, por Ábalos nos últimos días e “os actos de Sánchez” que parecen conducir a esa repetición son unha “altísima irresponsabilidade”.

Segundo advertiu a deputada galega, as enquisas “están a ser claras” e reflicten que os cidadáns non queren uns novos comicios. Ademais, incidiu, todo parece indicar que, se se repetisen, “os resultados é probable que sexan idénticos e conduciríannos ao abismo”. “Que nos conduzan a eleccións por puro partidismo non é serio nunha democracia”, abundou Díaz.

“Sería bo que deixen de xogar ou frivolizar desde Moncloa, e retomen o diálogo, que senten a negociar de maneira integral: un programa de goberno e un executivo de composición plural”, apuntou.

Por outra banda, a deputada de Unidas Podemos-Galicia En Común reclamou ao PSOE que lles traslade de “maneira anticipada” o documento proposta de 300 medidas que Pedro Sánchez prevé presentar este martes, para poder analizalo. “Ímolo a estudar, nós non imos dar unha portada, como eles fixeron co noso texto formulado hai máis de 15 días”, aseverou.

Finalmente, e a preguntas dos medios sobre se será candidata de Galicia En Común á presidencia da Xunta, Yolanda Díaz lembrou que leva “meses” traballando na conformación dun goberno en España e que ese é, “nestes momentos”, o seu “compromiso”.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...