InicioPolíticaO goberno vigués defende a reforma de Balaídos e repite que Feijóo...

O goberno vigués defende a reforma de Balaídos e repite que Feijóo “quere trasladar o Celta a Mos”

A Xunta de Galicia rexeitou este martes participar no "esperpento" da reforma do estadio municipal de Balaídos, unha obra que cualificou de "chapuza", e criticou que o financiamento teña saír "do peto de todos os vigueses" cando "había outras fórmulas" para levala a cabo.

PUBLICADO O

O goberno municipal de Vigo saíu ao paso das declaracións da delegada da Xunta, Corina Porro, sobre o rexeitamento da Administración autonómica a cofinanciar a reforma do estadio de Balaídos, e criticou que o Goberno galego non queira participar nesa “magnífica” obra, e pretenda o “traslado do Celta a Mos”.

Así o manifestou, a través dun comunicado remitido aos medios, o concelleiro de Deportes do goberno municipal vigués, Manel Fernández, quen criticou que a delegada da Xunta comparecese ante os medios lucindo a camiseta do equipo: “Púxose a camiseta do Celta para dicir que a Xunta non vai pór nin un só euro no campo máis importante de Galicia e para insistir no traslado a Mos”, denunciou.

“A cidade non llo vai a permitir”, advertiu e, tras criticar que o PP “politiza” á entidade celeste, lembrou que, “nos últimos anos”, “non se viu” a Corina Porro en Balaídos. Así mesmo, reprochou á delegada territorial da Xunta que critique “un estadio en obras” cando ela, sendo alcaldesa, non investiu en melloras ou mantemento do estadio.

Por outra banda, ante as críticas polo investimento público nas obras (ata agora, 15 millóns achegados por Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra) e a proposta de que fose o club, previa concesión, o que abordase a reforma, Manel Fernández lamentou a “ignorancia” de Porro e puntualizou que “o Celta xa ten unha concesión ata 2034”.

Segundo o edil socialista, o club “nunca pediu a concesión para facer a obra”, senón que “a pediu para quedar co campo”, algo que “prohiben as leis”. “O Concello nunca estivo disposto a unha actuación ilegal”, sentenciou. Finalmente, Manel Fernández concluíu que Corina Porro “veu a Vigo a defender á Xunta en contra da cidade, e a defender a Feijóo”. “Para iso podíase quedar o anterior delegado”, afirmou.

A XUNTA CUALIFICA AS OBRAS DE “ESPERPENTO”

A Xunta de Galicia rexeitou este martes participar no “esperpento” da reforma do estadio municipal de Balaídos, unha obra que cualificou de “chapuza”, e criticou que o financiamento teña saír “do peto de todos os vigueses” cando “había outras fórmulas” para levala a cabo.

Así o trasladou, nunha rolda de prensa, a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, quen compareceu ante os medios ataviada cunha camiseta do Real Club Celta, e lembrando que a entidade “é motivo de orgullo”, “aceno de identidade” e “unha forma de cohesión” da cidade.

Porro rexeitou que o Executivo galego vaia a cofinanciar a reforma do estadio, tal e como reclama o goberno municipal, e sinalou que a Xunta non achegou diñeiro nas reformas de “ningún estadio municipal profesional”.

“A Xunta é consciente de que as obras son necesarias, pero había outras fórmulas”, indicou a delegada territorial, quen incidiu na conveniencia de que se pactou unha concesión ao Real Club Celta, “que é o único usuario”, e que o propio club fixese o investimento para reformar as instalacións segundo as súas necesidades.

“INMENSA CHAPUZA”

Por contra, criticou, o goberno municipal optou por asumir a reforma, que se converteu en “unha inmensa chapuza paga do peto de todos os vigueses”, con “erros, sobrecustos, atrasos, e reformas das reformas”. “A Xunta non vai participar nese esperpento”, proclamou, e denunciou que nin sequera están claras os investimentos que se fixeron xa, porque esas contas son “un xeroglífico imposible de descifrar”.

Ademais, engadiu, “o máis preocupante” é que existe o “risco” de que o Celta “deixe de xogar” en Balaídos, un escenario do que responsabilizou ao alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, por pór “paus na roda”, mesmo cando xa había un acordo (escenificado nun acto no Pazo Os Escudos, en decembro de 2017).

Por outra banda, Corina Porro lembrou que o Plan Xeral que ela impulsou como alcaldesa, e que tiña o respaldo de todos os axentes sociais e económicos, excepto o PSOE, contemplaba terreos para unha Cidade do Deporte en Valadares. “Abel Caballero e a Xunta bipartita paralizárono, cargáronllo, e fixeron un dano irreparable á cidade e ao deporte”, lamentou e engadiu: “Daqueles pos, viñeron estes lodos”.

Finalmente, a delegada da Xunta insistiu en que “se debe dialogar e retomar a vía do consenso”, e aclarou que a Xunta “non quere que Celta deixe de xogar en Vigo”, aínda que xa tivo que levar a Mos a súa Cidade do Deporte “porque en Vigo non lle deron alternativa”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Interceptado un mergullador sen os equipos obrigatorios e sen licenza de pesca

A Policía Local interceptou o pasado martes en Vigo a un mergullador que non...