InicioPolíticaCaballero esixe a Feijóo o mesmo investimento que a Xunta realiza en...

Caballero esixe a Feijóo o mesmo investimento que a Xunta realiza en Santiago

O alcalde de Vigo acusa o presidente da Xunta de non ter atendido as demandas feitas na anterior lexislatura.

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiu “feitos” ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, despois de que este aceptase a súa invitación ao diálogo e acusouno de non atender as demandas que lle trasladou ao comezo da anterior lexislatura.

O rexedor olívico asegurou que xa estableceu un “diálogo” con Feijóo cando se reuniu con el tras ser reelixido como alcalde en 2015, un encontro cuxa utilidade foi, ao seu xuízo, “negativa”.

Neste sentido, lamentou que o titular do Executivo autonómico non “atendese ningunha” das accións que se abordaron na reunión e denunciou que mesmo as obstaculizase”.

En concreto, volveu acusar á Xunta de financiar voos ao aeroporto de Santiago de Compostela e non ao de Vigo –unha acción que o Goberno galego desmentiu en varias ocasións– e criticou o impulso realizado á candidatura de Cíes-Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade –o Concello defendera unha proposta limitada ao arquipélago vigués–.

Entre outras medidas, volveu criticar o prezo do aparacoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro e a falta de “atención” a plans de emprego na cidade.

RELACIÓN CON FEIJÓO

Caballero asegurou, ademais, que mantería unha relación con Feijóo como a que este ten co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, se a Xunta realizase na cidade olívica o mesmo investimento que na capital galega. “Non digo que se quiten as dotacións destinadas a concertos ou voos en Santiago, só digo que lle dén o mesmo a Vigo”, remachou para concluír que os vigueses non aprecian a Feijóo porque os “castiga”.

Noutra orde de cousas, referiuse ás visitas de varios altos cargos da Xunta á cidade para denunciar que o obxectivo das mesmas é “facer turismo”. Así, criticou que o Concello sufrague a maior parte do centro de emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero e custee actuacións en colexios, entre outras medidas.

Así mesmo, lembrou que o Goberno galego non acometeu o transvasamento de emerxencia anunciado e reprobou que se impoña ao Concello unha taxa anual de máis de 650.000 euros polo mantemento da presa de Eiras.

Adicionalmente, volveu subliñar que o Executivo autonómico destinou á celebración do festival de cultura urbana O Marisquiño “50.000 euros menos dos anunciados”.

FOLGA DOS BOMBEIROS

Preguntado polo rexistro dunha convocatoria de folga indefinida por parte dos bombeiros de Vigo, limitouse a apuntar que se trata dun “dereito” destes traballadores recollido na lexislación.

Por outra banda, indicou que se reuniu co conselleiro delegado de Legálitas, Luís do Pozo, e coa delegada en Galicia, Elena Villamarín, e explicou que esta empresa prevé a apertura dunha sucursal en Vigo que permitirá contratar  50 profesionais. Por iso, valorou que se producirá “unha xeración de emprego significativa” na cidade.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...