A dirección do PP vigués: “Guerra segue sendo militante”

A cúpula galega minimiza o impacto dunha posible saída do exconselleiro e o grupo de críticos

A dirección do Partido Popular de Vigo manifestou que o exconselleiro Javier Guerra “a día de hoxe segue sendo militante” popular. No entanto, non descartan a súa marcha e suliñan que, de producirse o seu abandono para cambiarse a outra formación política, onde Ciudadanos (Cs) se sitúa no punto de mira, entenderíano como “un acto de deslealdade” cara ao partido.

Así, fontes da cúpula do partido trasladaron a Europa Press que a información que apunta que pode pasarse a Ciudadanos, tal e como publicou XdV, só a coñecen por algúns medios xa que de momento este non se puxo en contacto coa presidenta local, Elena Muñoz, “para dicir nin desmentir nada”.

En todo caso, estas fontes avanzaron que de confirmarse a súa intención e a do seu grupo de cambiarse a outra formación política, “sería un acto de deslealdade” cara ao PP. Máxime cando, dixeron estas fontes, a vontade da dirección e de Muñoz foi “desde o primeiro minuto (cando gañou o congreso local) integrar e contar con todos“.

“Niso estivo estes meses. A vontade de Elena estaba encamiñada a integrar a todo o mundo, tamén a Javier, porque consideramos a todos importantes, e se non está contento ten o seu teléfono”, comentaron estas fontes, insistindo en que por iso Muñoz presentou unha proposta “integradora”, que Guerra finalmente rexeitou.

MINIMIZAN O IMPACTO

O exconselleiro e outros militantes do PP descontentos coa dirección de Vigo analizan a súa continuidade no partido e barallan varias “opcións” como a de unirse a outra formación, con Cs á cabeza. Á espera de que se confirme o paso, fontes das direccións provincial e autonómica do partido minimizaron o posible impacto de que Guerra abandone o PP.

Así, aínda que admiten que nunca é “unha boa noticia” que militantes deixen a formación, inciden en que peor é que dentro do propio partido haxa “quen faga oposición interna” no canto de “remar” a favor do proxecto que agora mesmo lidera a tamén exconselleira Elena Muñoz.

En canto ao impacto en clave autonómica, apuntaron que Cs “necesita moitas máis fichaxes” para poder ter “un mínimo de arraigamento” en Galicia, onde, subliñan, o PPdeG está “moi implantado” e ten “ben cuberto” o seu espazo ideolóxico.