O Goberno central estuda reformular o tramo de acceso a Vigo pola autoestrada AP-9 no que, o pasado mes de maio, faleceron tres novos nun accidente de circulación.
En resposta a unha pregunta formulada pola deputada de Galicia en Común, Yolanda Díaz, o Executivo recoñece que está en marcha un estudo do Ministerio de Fomento sobre o tráfico e capacidade da autoestrada de acceso á cidade olívica.
Na súa pregunta, a parlamentaria lembra que colectivos veciñais dos barrios de Teis (Vigo) e Chapela (Redondela) reclaman desde hai anos que ese tramo “se converta en avenida e deixe de ser unha canle pechada por paredes de formigón e valos”.
O Goberno indica que a modificación da funcionalidade da AP9V “consistiría en completar os movementos que faltan tanto no actual semienlace da Avenida de Buenos Aires como no intercambiador entre a AP9 e a AP9V en Teis”.
Isto, segundo o Executivo, “podería supor unha importante drenaxe do tráfico existente nos viarios paralelos –Travesía de Vigo e Sanjurjo Badía– cara á autoestrada, o que podería levar a unha situación de maior conxestión do tramo de autoestrada AP9V e a unha perda da funcionalidade desta, podendo requirir da ampliación da capacidade do tramo da AP9V”.
Con todo, o Estado conclúe que as actuacións a desenvolver no tramo de acceso á cidade adoptaranse unha vez coñézanse as conclusións do estudo global de tráfico que realiza Fomento.