Elena Múñoz abandona a política activa tras a derrota do 26M

Se non se cumpren os obxectivos, hai que tomar decisións", sentenciou a ata agora líder do PP de Vigo tras a xunta local celebrada este sábado na sede do partido na cidade olívica.

Elena Muñoz. EUROPA PRESS - Arquivo

A líder do PP de Vigo, Elena Muñoz, abandona a política activa. Nunha xuntanza da dirección do PP vigués, a aínda líder do partido, anunciou que deixará a súa acta de edil e tamén a presidencia do PP vigués.

A súa decisión prodúcese logo da colosal derrota do PP de Vigo que quedou con tan só catro edís nas eleccións do pasado domingo. Unha derrota histórica deste partido na cidade.

Elena Muñoz, conselleira na Xunta, foi a aposta de Alberto Núñez Feijóo hai catro anos para tentar arrebatarlle a alcaldía a Abel Caballero. Pero nos comicios de 2015 baixou case a metade dos votos, pasando de 13 a 7 concelleiros. Nos comicios do 26M o descenso aínda foi maior, pasando de 7 a 4.

“Considérome unha privilexiada por ter a oportunidade de traballar por Vigo, pero en política, se non se cumpren os obxectivos, hai que tomar decisións“, sentenciou Elena Muñoz tras a xunta local celebrada este sábado na sede do partido na cidade olívica. Para Muñoz, “chegou o momento de facerse ao carón”, polo que sinalou que o partido “ten os seus mecanismos para afrontar estas situacións; a xestora é unha das posibilidades”.

Así mesmo, e preguntada pola próxima portavocía municipal, Elena Muñoz indicou que a elección do novo portavoz será unha “cuestión de equipo, como sempre se toman as decisións importantes neste partido”.

RESULTADO

Elena Muñoz aproveitou a rolda de prensa para agradecer ao seu equipo, aos seus compañeiros de grupo e de partido e aos membros da lista popular das últimas eleccións “todo o traballo que fixeron por Vigo, aínda que os resultados non acompañasen”. “Utilizando un símil futbolístico, ás veces, o resultado non acompaña ao esforzo ou ao xogo despregado”, engadiu.

“Deséxolle todo o mellor a quen veña, porque estou convencida de que o mellor para o PP é o mellor para Vigo. Hoxe, máis que nunca, é necesario un Partido Popular forte capaz de contraporse ao actual goberno municipal”, incidiu Elena Muñoz, quen sinalou que aínda non tomou ningunha decisión sobre o seu futuro, aínda que admitiu que non recollerá a acta de concelleira e transmitiulles aos seus compañeiros de partido que “estará para o que a necesiten, para seguir sumando”.

Con todo, subliñou a necesidade de “facer unha profunda reflexión” sobre as causas dos “malos resultados”. “Evidentemente hai moitos motivos. Agora toca esa análise profunda”, sinalou.

RESPONSABILIDADE E COHERENCIA

“Sen ningunha dúbida, tamén toca que quen encabezou esa candidatura (falando de si mesma en terceira persoa) tome decisións desde a responsabilidade, coherencia e normalidade democrática. Os políticos e partidos debémonos aos resultados, cando son bos hai que celebralos, cando son malos asúmense”, apostilou a ata agora líder do PP vigués.

Muñoz concluíu subliñando que, da mesma maneira que hai que saber perder, hai que saber gañar, polo que pediu ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, (aínda que sen nomear o seu nome) que “saiba administrar ese apoio tan maioritario en beneficio de todos os vigueses”. “En democracia, hai que aceptar a opinión do discrepante e respectar á oposición”, sentenciou Elena Muñoz.

 

1 COMENTARIO

  1. Teremos que felicitar esta decisión no contexto da Ética Políca (a mesma decisión de Xulio Ferreiro na Coruña). O que non comprendemos é como Rubén Pérez non segue o mesmo camiño logo de perder 6000 votos e un edil na Marea de Vigo! Será que algúns buscan na política un rencunho onde seguir chupando do teto de Abel Caballero outros catro anos? Será que vivir eternamente na “oposición” é o sino dos trepas de EsquedaDesunida ? Será… https://i.gal/gamela05

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here