Gonzalo Caballero ve ao PSdeG como a forza do cambio en Galicia

Nun mitin en Moaña, asegura que o socialismo está en "ascenso" e disposta a desaloxar ao PP de concellos, deputacións e da Xunta, tras gañar nas xerais.

Pedro Sánchez en Vigo / Europa Press

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que nas eleccións municipais haberá unha “maioría de votos progresistas” en Galicia, coas forzas “progresistas” gobernando nas principais cidades galegas, fronte á “picada” dun PP no que Alberto Núñez Feijóo “está descolocado e fóra de xogo”.

Durante un acto de campaña celebrado en Moaña, no que acompañou á candidata socialista Marta Freire, o líder dos socialistas galegos subliñou que o PSOE está “en ascenso” e as eleccións municipais reflectirán que “a maioría social de Galicia dille non ao PP e retírao das capacidades de Goberno das principais cidades galegas”.

En referencia ás enquisas electorais que este domingo prognostican o crecemento do PSOE e o descenso do PP, Gonzalo Caballero sinalou que reflicten que os socialistas contan con equipos e candidatos “contrastados e capaces de liderar unha aposta polo futuro de Galicia fronte ao retroceso, a inmobilidade e atraso do PP”.

“Feijóo está fóra de xogo, hoxe empeza a dicir que non sabe que vai facer da súa vida política, que abre a porta a outras actividades”, agregou Gonzalo Caballero, para quen “Feijóo quedou descolocado desde as eleccións xerais”.

O secretario xeral dos socialistas galegos sostén que “Feijóo sabe que o problema do PP non foi a división da dereita senón unha maioría progresista clara e rotunda fronte ao PP”, xa que “o 45% dos galegos votaron a forzas progresistas, encabezadas polo PSdeG para rectificar e suspender a Feijóo á fronte da Xunta”.

Ante isto, confía en que as “forzas progresistas” poidan gobernar nas cidades galegas “e o PSdeG na maioría”, pero tamén nas pequenas localidades nas que denunciou que o PP “fracasou nas súas políticas”.

Neste sentido, a candidata en Moaña, Marta Freire criticou a postura da Xunta para a construción do novo centro de saúde, xa que “non acepta” os terreos propostos para o novo centro de saúde, “cando catro anos antes si que valían, cando gobernaba o PP”, nunha mostra, ao seu xuízo, do “menosprezo aos concellos nos que non goberna”. Ademais de apostar pola mellora da sanidade, a candidata en Moaña tamén propón avanzar na unión coa costa e na mellora da mobilidade interior.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here