InicioPolíticaPontón: "Coa papeleta do BNG podemos defender Galicia e frear á dereita"

Pontón: “Coa papeleta do BNG podemos defender Galicia e frear á dereita”

PUBLICADO O

A poucas horas de que conclúa a carreira electoral, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu a apelar ao voto dos indecisos e insistiu de novo en que a formación nacionalista “está a disputar” escanos a Vox e Cs nas circunscricións de Pontevedra e A Coruña.

Por iso dirixiuse especificamente a aquelas persoas preocupadas polo avance da dereita e aseguroulles que, como xa fixo nestes últimos días, que a “papeleta do BNG” sirve para cumprir dous obxectivos: “Defender Galicia e frear á dereita e ultradereita cavernícola”.

Pontón, que pechará na Coruña co candidato por esta provincia, Néstor Rego, participou este venres nunha repartición de propaganda electoral no barrio vigués do Calvario, no que estivo acompañada polos candidatos ao Congreso Carme da Silva e Jesús López Carreira, así como polo aspirante á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Ana Pontón dirixiuse “en especial” ás persoas indecisas “preocupadas polo avance da dereita extrema, cavernícola e antigalega”, e aseguroulles que, este domingo, non teñen que “renunciar a nada”. “Coa papeleta do BNG podemos defender que Galicia teña voz e, ao mesmo tempo, somos a clave para que Vox e Cs non teñan ningún escano nas circunscricións galegas”, aseverou.

A líder do BNG defendeu o voto nacionalista para ser “muro de contención fronte ás políticas involutivas, de regreso ao pasado, da crispación e do medo”. “O 28 de abril non é un día para votar por medo ou pola política do mal menor, é un día para votar con ilusión e confianza en Galicia”, proclamou.

A ese respecto, insistiu en que vascos, cataláns, valencianos ou canarios “van ter voz propia” nas Cortes, e que tamén Galicia debe tela. Por iso, recalcou que o BNG é a única forza que pode garantilo, “sen subordinación nin ataduras”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...