InicioPolíticaO PSOE denuncia "venda de favores" entre o PP e a presidenta...

O PSOE denuncia “venda de favores” entre o PP e a presidenta da Federación Veciñal de Vigo ‘Eduardo Chao’

María Pérez nega as acusacións e convida a Abel Losada a "acudir ao xulgado"

PUBLICADO O

O secretario xeral da agrupación do PSdeG-PSOE de Vigo e deputado autonómico, Abel Losada, denunciou este luns a “venda de favores políticos” entre a presidenta da Federación Veciñal da cidade (Favec), María Pérez, e o PP.

Losada referiuse a un encontro entre representantes veciñais de Vigo e do sur da provincia e a candidata do PP ás eleccións xerais pola provincia de Pontevedra, Ana Pastor, e que se celebra este luns na sede da Favec.

O socialista pediu aos representantes do Partido Popular que dean “unha explicación convincente” á adxudicación, por parte do Concello de Arbo (gobernado por un alcalde popular), do servizo da Casa do Maior a unha cooperativa que dirixe a presidenta da Federación Veciñal, María Pérez.

“Pedimos información no Parlamento, pero a que se nos deu foi escasa e non aclara o proceso de selección por mérito e capacidade”, sinalou Losada, quen engadiu que “ten todo o aspecto de ser un caso de corrupción“.

Segundo indicou, o PSOE constatou “a existencia de información privilexiada”, intercambiada entre o Concello de Arbo e esta cooperativa, e denunciou que se dá unha imaxe de “venda clara de favores políticos” por parte desta sociedade presidida por María Pérez, que correspondería ao PP cos seus “ataques ao Concello” olívico.

INVITACIÓN A DENUNCIAR NO XULGADO

Pola súa banda, a presidenta da Federación Veciñal negou as acusacións, e convidou a Losada a “acudir ao xulgado se considera que é un caso de corrupción”. Así mesmo, defendeu que participa en varios colectivos e plataformas “sen cobrar, non como no seu partido que, segundo dixo unha sentenza xudicial, ‘enchufan’ os seus familiares, e cobran sen ir traballar”.

Finalmente, María Pérez aclarou que o encontro deste luns con representantes veciñais foi solicitado polo PP “para escoitar as demandas do movemento veciñal de toda a área metropolitana” e recalcou que as portas da Favec están “abertas” a todos os partidos que queiran escoitar e expor as súas propostas.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...