InicioPolíticaO candidato do BNG denuncia publicidade "escandalosa" do Concello en Faro de...

O candidato do BNG denuncia publicidade “escandalosa” do Concello en Faro de Vigo “por incumprir a normativa electoral”

Xabier Pérez Igrexas critica un anuncio no que o Concello fachenda do seu apoio ao deporte, con Abel Caballero como protagonista, e que cualifica como "un caso obsceno de uso partidista dos cartos públicos".

PUBLICADO O

Un anuncio a toda páxina do Concello no xornal Faro de Vigo suscitou a polémica e a denuncia do candidato do BNG á Alcaldía, Xabier Pérez Igrexas, quen o cualificou de “escandaloso”.

Pérez Igrexas fixo pública a denuncia na súa conta en Twitter, onde mostrou unha captura da páxina interior coa publicidade do Concello. O anuncio, en branco e negro, sae a unha semana das eleccións xerais.

Baséase en tres grandes fotos de Abel Caballero en distintos actos relacionados co deporte vigués e nos que el é o centro da imaxe, coma un líder. En dúas desas imaxes repítese o mesmo xesto do alcalde, facendo o signo da vitoria coa man; na terceira aparece entregando unhas medallas.

O texto queda reducido ao mínimo espazo no anuncio. Por enriba, destacado, o lema “Vigo, municipio polideportivo”, seguido, nun corpo de letra máis pequeno, por esta frase: “O Concello programa os mellores eventos para a promoción das modalidades”. E un chisco máis enriba, unha mensaxe apelativa: “Faite siareiro”.

Entre as fotos, en pequeno, listanse catro modalidades deportivas –baloncesto, balonmán, remo e pádel– e faise referencia a cinco acontecementos destacados na cidade relacionados con estas disciplinas deportivas.

O anuncio está asinado ao pé pola Fundación Vigo Deporte, o Grupo PSA, Mar de Ons, Gadis e o propio Faro de Vigo, como colaboradores.

Para o candidato do BNG trátase dun anuncio “escandaloso” por tres razóns. Primeiro, argúe, por “incumprir a normativa electoral”. En segundo lugar, por “teimar no culto á personalidade” de Abel Caballero. Por último, considera que se trata dun anuncio que “reduce o deporte vigués ao autobombo do goberno municipal”.

Pérez Igrexas considera que este é “un caso obsceno de uso partidista dos cartos públicos” e que “Vigo non merece isto”.

ÚLTIMAS

Por que foi anulado o plan de urbanización do Barrio do Cura?

O xulgado do contencioso administrativo 1 de Vigo ditou sentenza pola que declara nulo...

Os 15 pediatras que obtiveron praza por concurso de méritos na área de Vigo teñen ata o 18 de abril para incorporarse

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou recentemente dúas resolucións que adxudicaron a 70...

Un milleiro de bailaríns, inscritos xa na XII edición de Vigo Porté, que traerá danza e música ás rúas da cidade a finais de...

Un milleiro de bailaríns inscribíronse xa na XII edición de Vigo Portei, desde que...

Constitúese a plataforma “Vigo verde -Salvemos a Barrorca” para rexeitar a talla da Carballeira de Casaliños en Navia

"Este mesmo domingo 17 de marzo, a plataforma "Vigo verde -Salvemos a Barrorca" organiza...