InicioMedio Ambiente e PatrimonioMoaña aposta polas Pemes na iluminación do Concello para seguir reducindo a...

Moaña aposta polas Pemes na iluminación do Concello para seguir reducindo a emisión de CO2

PUBLICADO O

O goberno de Moaña vén de levar a pleno hoxe xoves 25 de outubro a proposta de licitación da subministración de toda a enerxía eléctrica que consome o Concello: alumeado público, edificios municipais e colexios públicos.

Con esta medida, “o goberno tenta rachar coa inercia de contratar sempre á mesma compañía eléctrica desde antes da liberalización do sector eléctrico (cos seus sucesivos nomes Fenosa, Gas Natural, Naturgy)”.

“Esta inercia impide negociar un prezo ou condicionar a orixe da enerxía e provoca que directamente se destinen, sen ningún cuestionamento, máis de 420.000€ anuais a esta grande multinacional“, subliñan desde o Concello moañés.

Os pregos que se levan a pleno son o resultado do traballo do Instituto de Sustentabilidade Enerxética (ISENER), contratado polo Concello para realizar unha análise do consumo enerxético municipal que se concretou nun informe sobre contabilidade enerxética, outro sobre optimización de tarifas e potencias, e finalmente -en base a eses informes- a redacción dos pregos para a licitación da subministración.

Na proposta de licitación introdúcese como requisito que a subministradora conte con etiqueta eléctrica tipo A, que garante que a enerxía foi producida cun impacto ambiental mínimo.

O etiquetado da electricidade, desde a letra “A” ata a “G”, relativo ás emisións totais de dióxido de carbono (CO2) e aos residuos radioactivos de alta actividade, é o mecanismo deseñado co fin de subministrar información fidedigna e homoxénea á clientela final en relación coa electricidade que consome e os impactos ambientais relacionados coa súa produción.

Esixindo a etiqueta tipo A, o goberno municipal “reafirma o seu compromiso co desenvolvemento sustentable contribuíndo á redución de contaminación e promovendo unha mudanza nos patróns de consumo sustentable da enerxía”.

Leticia Santos, alcaldesa de Moaña / BNG

Este compromiso leva marcando a acción de goberno nos últimos anos, con múltiples medidas encamiñadas á eficiencia enerxética que acadaron un descenso no consumo eléctrico do 22,6% entre 2015 e 2017 (de 3,22 GWh a 2,49GWh) o que implicou unha redución do 20,6% nas emisións de CO2 asociadas ao consumo eléctrico (de 1024TnCO2eq a 813TnCO2eq).

Exemplo destas medidas foron a substitución do alumeado público por lámpadas led nos tramos da PO-551 desde o Concello ata o CEIP Reibón (2016), desde o CEIP Reibón ata Isamil (2017) e desde Rodeira ata a subida ao CEIP Tirán (2017).

Tamén a substitución do alumeado exterior da praza do Concello (2017) e as importantes melloras na eficiencia enerxética no pavillón do Rosal substituíndo os termos eléctricos por unha caldeira de gas de alta eficiencia (2016), a instalación de seis paneis solares (2017) ou a substitución dos focos por lámparas led (2018).

Actualmete o Concello ten previsto completar con lámparas led os tramos pendentes da PO-551 xunto con outras zonas de Moaña (Ameixoada, San Benito-Liñares en Domaio e Alameda de Moaña).

Na proposta de licitación introdúcese como requisito para as empresas adxudicatarias que polo menos o 50% das novas contratacións durante o proceso de execución do contrato deban estar cubertas por mulleres.

Deberán ademais realizarse ao menos un 10% con base á reinserción laboral de mulleres en condicións especiais (con discapacidade funcional, vítimas de violencia de xénero entre outras).

Tamén se require unha presenza feminina mínima do 50% nas novas contratacións ou promocións para os postos de traballo cualificados, de responsabilidade ou xerencia da entidade (e subcontratas vinculadas), durante o período de execución do contrato.

Ademais requiriráselle ás empresas que resulten adxudicatarias a existencia de medidas específicas de conciliación familiar durante a duración do contrato para as persoas traballadoras con cargas familiares, dirixidas especificamente afamilias dunha única persoa proxenitora, como flexibilidade de horarios, xornadas reducidas e servizos de apoio.

Tendo en conta que “o sector eléctrico está altamente masculinizado”, o goberno de Moaña quere avanzar con estas medidas “na loita contra a desigualdade entre homes e mulleres e fomentar a corresponsabilidade e a conciliación da vida familiar e laboral”.

A proposta de licitación prevé a división do contrato en 5 lotes en función das diferentes tarifas reguladas na normativa do sector eléctrico. Establécese que unha empresa non poderá ser adxudicataria de máis de dous lotes.

Con esta limitación, o goberno de Moaña persegue o obxectivo de favorecer a participación das pequenas e medianas empresas (PEMES) e evitar, polo tanto, a concentración da riqueza e o poder económico nas grandes compañías multinacionais.

Finalmente, con esta licitación o goberno de Moaña persegue un aforro económico, consecuencia directa de promover unha concorrencia pública e aberta entre as empresas comercializadoras que operan no sector eléctrico.

Na proposta de licitacion calcúlase un orzamento base no que se teñen en conta, entre outros factores, os incrementos dos prezos da enerxía activa no mercado eléctrico entre decembro de 2017 e agosto de 2018.

Este cálculo estima para o 1º e o 2º ano do contrato un orzamento de 407.293,51 euros cada ano, tendo en conta que a media do gasto en enerxía eléctrica no Concello de Moaña dos anos 2015 a 2017 foi 426.334,84 euros.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...