O Morrazo, capital galega do jazz co festival Canjazz 2018, que ofrece concertos e formación musical

Demian Cabaud/ Concello de Cangas

O Canjazz 2018, que se celebrará do 19 ao 22 de agosto en Cangas, ofrecerá non só concertos senón tamén formación, a través de masters e obradoiros, pensados para “todo tipo de públicos”.

“Este ano decidimos ir desvelando pouco a pouco o cartel para darlle a relevancia
que merecen a todos os concertos, os da noite, as sesións vermú e tamén as jam
sesion, así que aínda quedan sorpresas moi interesantes que publicaremos este domingo na festa de presentación que se celebrará na Terraza Menduíña, en Aldán”, apuntou a directiva do festival.

A satisfacción polo cartel deste ano é moi alta xa que “contamos coa presenza de artistas internacionais dun nivel moi alto e incluso algún que xa forma parte da historia do jazz con nome propio, como Jeff Williams, pero ademais temos unha representación da escena galega e estatal incrible, que non lle desmerece nada, e que ademais permítenos dar a coñecer o enorme talento que temos aquí”.

Esta edición do Canjazz inclúe obradoiros, unha mesa redonda e master classes “coidadas e pensadas para todos os públicos, sen deixarnos a ninguén atrás”. Haberá formación específica para artistas profesionais, para xente que se estea inciando no jazz pero xa teña coñecementos musicais básicos, e obradoiros de improvisación para nenas e nenos.

O resto da programación, que inclúe os concertos session vermú e as jam session das noites, develarase este domingo na festa de presentación do festival, que terá lugar na Terraza Menduiña, en Aldán, onde a banda protagonista da noite será o trio do cantante Javier Marcos, encargado de abrir a noite, tras o que comezará a jam session. O concerto comezará ás 20:30 horas e será de balde.

PROGRAMACIÓN DOS CONCERTOS PRINCIPAIS, MASTERS E MESA REDONDA

O domingo 19, o festival vai ser inaugurado pola Orquestra de Jazz do Porto. Esta banda, creada no ano 2017 por un grupo de xoves artistas da cidade portuguesa, vai traer as sonoridades do swing dos anos 30 e 40, interpretando unha selección de coñecidos temas da época das big bands.

Orquesta de Jazz do Porto/ Concello de Cangas

O luns 20, o contrabaixista grego residente en Nova York Petros Klampanis estará acompañado polo estoniano Kristjan Randalu no piano e o israelí Ofri Nehemya na batería. “Un proxecto de primeirísima liña que chega a Cangas despois de ser presentado en salas como o Carnegie Hall ou o Lincoln Center. Un concerto de jazz contemporáneo con influencias da música folclórica balcánica e mediterránea”, declaran dende o Concello.

Petros Kamplanis/ Concello de Cangas

O martes 21 será a quenda de María Toro, que vai estar presentando o seu traballo “A Contraluz”, gravado en Nova York en 2014 e con claros tintes flamencos. A frautista coruñesa, que viviu nos últimos anos en Brasil, onde colaborou con artistas da talla de Hermeto Pascual, vai estar acompañada no Canjazz polo salmantino Daniel García Diego no Piano, o cubano Reinier Elizarde “El Negrón” no contrabaixo e o iraniano Shayan Fathi na batería.

María Toro/ Jaime Oriz

O peche do festival, a noite do mércores 22, vai correr a cargo do contrabaixista arxentino asentado en Portugal Demian Cabaud, presentando o seu último disco “Astah”. Este proxecto, un quinteto moi especial con dúas baterías, está enraizado no jazz tradicional, con moitos momentos de improvisación libre e unha pequena dose de música tradicional da Arxentina. A banda complétana o saxofonista cubano Ariel Brínguez, os cangueses Xan Campos no piano e Iago Fernández nunha das baterías, e a lenda viva do jazz Jeff Williams na outra batería.

4 Master Classes e unha mesa redonda

O luns 20, das 11 ás 13 horas, a cantate estadounidense Erin Corine vai impartir unha clase titulada “English for Singers. Técnica, colocación e estilo para cantantes de varias linguas”. Esta clase está dirixida a cantantes de todos os niveis.

Erin Corine Johnson é nativa de Chicago. Licenciada en Berklee e cunha mestura de estudos clásicos e contemporáneos, ten unha visión única da música afroamericana. O seu estilo persoal combina con naturalidade xéneros como o gospel, o jazz, o neosoul ou o blues.

O mesmo luns pola tarde, de 16:00 a 18:00 vai ser a quenda da master class do contrabaixista grego Petros Klampanis, que vai ofrecer unha clase en inglés sobre o proceso de atopar a túa propia voz como artista.

Klampanis é instrumentista, compositor e produtor, e un dos músicos máis
aclamados da escena actual neoiorquina, e conta con fantásticas críticas por parte
da prensa especializada.

O martes 21, das 11 ás 13 horas, o sindicalista e experto en dereitos de autoría,
David García Aristegui, ofrecerá formación en Dereitos de autor, especialmente dirixida a artistas e xente do sector, así como a calquera outra persoa interesada, na que se afondará nas problemáticas, alternativas, solucións e dúbidas que rodean este tema tan controvertido. Aristegui é membro da sección música de CNT Artes gráficas, Comunicación e Espectáculo, e publicou xunto a artista Ainara LeGardon o libro “SGAE: el monopolio en decadencia”.

Por último, o mércores 22, tamén en horario de 11 a 13, o histórico bateria de jazz, Jeff Williams ofrecerá unha clase práctica de esemble dirixida a músicos con coñecementos medio-avanzados de jazz.

Williams, natural de Ohio, estudiou na Berklee nos anos 60 e ten tocado con outros
músicos que tamén xa forman parte da historia do jazz, como Stan Getz, Dizzy Gillespie, Lee Konitz, Dave Liebman, Randy Brecker, John Abercrombie ou Joe Lovano.

O mércores 22, ás 19 horas no salón de plenos do concello terá lugar a mesa redonda “A música é traballo”. Nela participarán dous relatores expertos nas condicións laborais das e dos artitas musicais, o sindicalista David G. Aristegui e o representante da Asociación Músicas ao Vivo e de Músicos ao Vivo Sociedade Cooperativa Galega, Manuel Alonso. A mesa redonda está dirixida a toda a poboación, que está convidada a participar e intervir na mesma.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here