InicioPolíticaNegociacións "in extremis" entre a esquerda de Cangas para elixir o sucesor...

Negociacións “in extremis” entre a esquerda de Cangas para elixir o sucesor de Pazos

Desde as filas socialistas mantéñense á espera do que decida o seu socio de goberno. Se o grupo que ostentaba ata agora a alcaldía chega a un acordo para propor a un sucesor ou sucesora de Pazos os socialistas apoiarano.

PUBLICADO O

O pleno da corporación municipal de Cangas reunirase o vindeiro sábado ás 12,00 horas para elixir ao novo rexedor ou rexedora, que asumirá o cargo tras o falecemento de Xosé Manuel Pazos e, a poucos días da sesión, o desencontro entre as diferentes ‘sensibilidades’ de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) mantense.

Os contactos mantidos ata o momento non serviron para que este grupo, que ostentaba a alcaldía deste municipio do Morrazo e goberna en coalición co PSOE (con catro concelleiros cada un), chegase a un acordo para propor a un candidato.

Como pano de fondo do desencontro subxace un suposto incumprimento do pacto que configurou o grupo municipal, e que establecía que ACE, con 4 concelleiros electos, mantería un equilibrio entre as diferentes sensibilidades. Neste caso, e tras a dimisión do número catro da lista, ese equilibrio sustentábase con dous edís de Esquerda Unida (Xosé Manuel Pazos e Aurora Prieto) e dous elixidos por Mariano Abalo (el mesmo e Vitoria Portas).

Tras a morte do rexedor cangués, o seguinte na lista, Adrián Pena (da órbita de Mariano Abalo) reclamou a súa acta de concelleira, unha decisión que foi criticada por Esquerda Unida, porque supuña desequilibrar a balanza no grupo municipal de ACE. Así as cousas, esta formación advertiu de que non sentará a falar de candidatos á alcaldía ata que non se repoña ese equilibrio político, coa entrada da seguinte persoa de Esquerda Unida da lista, Lucía Carballo.

De feito, a propia Aurora Prieto sinalou nas últimas horas que, se non se cumpren as condicións para un acordo no seo de ACE, dará o seu apoio á primeira tenente de alcalde e agora rexedora en funcións, Sagrario Martínez.

O PSOE, Á ESPERA

Mentres, desde as filas socialistas mantéñense á espera do que decida o seu socio de goberno. Se o grupo que ostentaba ata agora a alcaldía chega a un acordo para propor a un sucesor ou sucesora de Pazos (algo que parece dificíl, tendo en conta as tensións no seu seo), os socialistas apoiarano.

O BNG (que ten 3 edís), pola súa banda, chamou á responsabilidade e aprobou en asemblea apoiar a candidatura que presente ACE, como lista de esquerdas máis votada nas eleccións; e Avante! (con outros 3 concelleiros) tamén pediu unha proposta consensuada por parte do actual goberno de coalición.

A poucos días para que se celebre o pleno, o escenario é moi incerto e, aínda que todas as formacións de esquerdas manifestaron o seu desexo de impedir que a alcaldía acabe en mans do PP (a lista máis votada, con 7 concelleiros), fontes coñecedoras dos contactos consultadas por Europa Press admitiron que “non se pode descartar nada”. As mesmas fontes sinalaron que as negociacións proseguirán en próximos días e os diferentes grupos acabarán de definir as súas estratexias de face ao pleno do sábado.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

Piden seis anos para un acusado por tocamentos a unha menor en Vigo

Un home que foi xulgado este xoves na sección quinta da Audiencia Provincial de...