Os relatos dos familiares: “DomusVi non é humano. DomusVi foi unha morgue”

Os familiares de residentes en Aldán piden xustiza ante "os enganos, a manipulación e a ocultación de información" do grupo DomusVi. Denuncian que lles mentiron "desde o minuto cero", que "deixaron morrer os maiores" e que nin sequera hoxe, despois de todo, teñen explicación ningunha por parte da residencia.

Protesta dos familiares perante DomusVi Aldán © Miguel Núñez

Un domingo tras outro, varios familiares de persoas usuarias da residencia de DomusVi Aldán, en Cangas, concéntranse ás portas do centro para esixir respostas, explicacións e xustiza. Claman contra a “falta de persoal” que, despois de todo, segue ameazando a saúde dos maiores que alí están ingresados. Nesta residencia chegou a haber máis dun centenar de persoas contaxiadas pola Covid-19 e un total de 38 falecidas. No conxunto do grupo DomusVi en Galicia morreron máis de 150 persoas maiores, o 60% do total de decesos que houbo nas residencias galegas desde marzo.

LUPE: “ENGANÁRONNOS DESDE O MINUTO CERO”

“DomusVi non é humano. Alí dentro non hai cariño, nin respecto, nin empatía. DomusVi foi unha morgue“. As palabras de Lupe, unha muller que perdeu a súa nai ingresada na residencia a causa da Covid, cortan a respiración. Levárana para ese centro o 21 de febreiro, pouco antes de que estoupara a pandemia en Galicia. O deterioro da nai na anterior praza concertada en Ribeira (tamén do grupo DomusVi) era “moi evidente”, así que decidiron cambiala para un lugar máis achegado onde as súas dúas fillas puideran “tela controlada”. A única opción que se axustaba era Aldán, onde a ingresaron “moi, moi a desgusto” por pertencer a esa mesma empresa. 

Esa vixilancia máis exhaustiva que pretendían impediuse cando a Covid-19 acaparou as residencias de maiores. “A nosa desgraza foi que chegara todo isto”, explica. Dende ese momento viviron “unha loucura”: non lles deixaban facer videochamadas coa súa nai, acceder a falar con persoas máis alá de recepción era misión case imposible e a única información que recibían do que acontecía alí dentro era a través dos medios de comunicación. “Ela está ben, está ben, está ben…”. As enfermeiras non tiñan outras palabras para os familiares. “A miña sensación era de que miña nai estaba secuestrada. Quixemos incluso poñer unha denuncia por secuestro. Chamabamos á fiscalía, ao concello, á Policía Local…”. Un día, ás once da noite, comunicáronlle a Lupe que a súa nai era “positiva e asintomática”. “Pedimos que a derivaran ao hospital ao primeiro síntoma, pero enganáronnos desde o minuto cero”. 

“O día 10 saíu para o Hospital Álvaro Cunqueiro chea de feridas, con dobre pañal para evitar cambios e totalmente deshidratada. Levabamos avisando por correo e por WhatsApp constantemente de que precisaba beber moita auga, pero deixárona morrer, e aínda por riba, con sufrimento. Cando nos chamaron para despedirnos no hospital, dixéronnos que isto fora un caso de abandono total e absoluto. Só catro días despois, o 14, cobráronnos os 2.246 euros da súa praza. Que caro nos saíu a auga que non lle destes a miña nai, díxenlles”. Lupe non confía en que se faga xustiza – “sabemos a quen nos enfrontamos, Feijóo está detrás de todo isto” -, pero “o dereito á pataleta” non llo quita ninguén. Encargarase, di, de denunciar alá por onde vaia a “falta de humanidade de DomusVi”.

Aínda hoxe é o día en que Lupe e a súa irmá agardan o pésame por parte da residencia. “Tivemos que protestar ata para que nos deran o informe médico e as pertenzas. Hai familiares de falecidos que aínda non as teñen consigo”, denuncia. Durante a conversa tamén fala de “manipulación” ao ofertarlles aos familiares un psicólogo para “sonsacar información ao redor das accións legais” que poderían acometer. 

Protesta en DomusVi Aldán © Miguel Nuñez

J. A.: “AÍNDA HOXE NON SEI DE QUE MORREU MIÑA NAI”

Xunto a Lupe, que cada domingo está a pé da residencia para esixir “unha explicación de todo o que pasou alí dentro”, tamén se concentra para protestar J. A. No seu caso, a súa nai tamén chegou á residencia de Aldán por descontento co anterior centro en Valdegodos, en Ourense. “Voulle salvar a vida traéndoa para aquí, pensei”. Mais cando chegou a pandemia, empezou “o calvario”. “Non me informaban de nada; e ao comezo dicíanme que se restrinxían os accesos por “uns problemas”, nada máis”.

J. A. chamou constantemente á residencia durante toda unha semana e a resposta sempre era a mesma: que a súa nai estaba perfecta. “Non pasaran nin sete horas da última conversa e contactoume, de súpeto, unha enfermeira para dicirme que atoparan morta a miña nai e que non sabían nada máis. Colgaron o teléfono”. Ante o desconcerto máis absoluto, o home pediu logo falar co médico. A explicación que lle deu foi que finara a causa dunha infección de orina, mais el sospeita que foi a primeira vítima da Covid-19 da residencia de Aldán. “Desde cando unha persoa morre dunha infección de orina dun día para outro? Ao que faleceu, selárona nunha caixa e non puidemos nin mirala”, denuncia. 

A xestión desta pandemia por parte de DomusVi teceuse a base de “mentiras, falta de información e enganos” aos familiares. “Importan máis os cartos e o negocio que calquera vida humana”, sentenzan eles. J. A. busca agora a maneira de denunciar o acontecido. “Só porque se descubra a verdade, eu irei adiante coa demanda”, explica. “Aínda hoxe non sei de que morreu miña nai; pedirei o parte de defunción cando poida falar coa directora“. Quince días despois de saber do seu falacemento, “marchou tamén meu pai”. “Se non o miro, non o creo. Unha loucura”. 

RAÚL: “OCULTÁRONNOS O POSITIVO DO MEU AVÓ”

Foi durante o pico da pandemia cando as residencias entraron en colapso, mais as queixas á atención dos maiores ingresados veñen de moi atrás e continúan aínda na actualidade, sen que nada do acontecido semelle que servira para poñerlle freo á precariedade. O avó de Raul, de 97 anos de idade, segue a día de hoxe alí dentro. El estivo infectado pola Covid durante 36 días, pero foi asintomático en todo o proceso da enfermidade. Raúl, “o neto por encanadura”, como lle di sempre, comezou a detectar desde hai ben tempo “pequenos detalles” que ían facendo saltar as alarmas: “Un día chego e estaba vestido cunha camisa que non era a súa. Outro día queixábaseme de que o deixaban no baño durante media hora. Outro  día atópomo en enfermaría porque o ducharan dous días en auga fría e collera catarro…“. Ante as queixas en dirección, “desculpas e palabras bonitas”. Dunha vez, fala Raúl, mesmo “lle botaron a bronca” ao ancián por terse confesado co neto.

Raúl denuncia que o seu avó ten sido “forzado” á subministración de medicamentos, que o teñen atopado chorando por “ter mal colocada a sonda” e que o traballo dentro da residencia se fai “a correr” debido á falta de persoal. Cuestións familiares fan que a decisión de sacalo desa residencia tamén se complique. A chegada da pandemia vivírona “moi mal”. “Ocultáronnos o positivo do meu avó durante varios días. Chamabas a recepción e todo era unha sarta de mentiras, así que decidín comprarlle un móbil que llo levou ata alí a Garda Civil. Foi a única maneira en que puidemos falar todos con el durante dous días. Ao terceiro caeulle ao chan e non quixo falar máis. É unha persoa moi maior”, relata Raúl.

Protesta diante de DomusVi © Miguel Núñez

FRONTE COMÚN DOS FAMILIARES

Este rapaz foi dos primeiros que se puxo en contacto con outros familiares, entre eles Lupe, para buscar e dar apoio e para facer fronte común perante a dirección de DomusVi. As demandas que agora cumpriría acometer alí dentro están claras por parte dos familiares e da Asociación Vellez Digna que os acompaña na loita. “Que o equipo médico faga un estudo das consecuencias físicas e psíquicas, porque son grandes e nótanse nas súas pesaxes”, comeza dicindo Raúl sobre as peticións. É o momento tamén, pensan, de reforzar o equipo de psicoloxía e fisioterapia. “Só hai unha persoa de cada especialidade para atender a 120 maiores”. 

“Queremos saber por canto diñeiro se lles dá de comer diariamente e esiximos que as facturas da farmacia veñan detalladas”, prosegue. No seu caso, chéganlle tickets “de ata cento e pico de euros” nos que aparecen ata “toalliñas”, por exemplo. “Se con 2.100 euros que pagamos ao mes o meu avó non ten dereito nin a toalliñas, a que ten dereito?”, denuncia, á par que critica o “custo excesivo” das prazas residenciais. “Son xente, non mercaduría. Non consentimos que primen os cartos por riba da saúde”. Entenden tamén que sería positivo crear unha “mesa negociadora” con familiares e representación de DomusVi cada certo tempo, e acusan a Xunta de “permitir que a residencia siga traballando” despois de abandonar a intervención e deixala de novo “baixo mínimos”. 

Estes familiares agardan que feitos coma estes non volvan acontecer baixo ningún concepto. Son relatos que claman pola xustiza e que non poden quedar impunes.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here