Educación confirma que os traballos pendentes no CEIP do Hío non interferirán na actividade docente

Os traballos pendentes, poderán compatibilizarse coas clases, e desenvolveranse "con todas as medidas de seguridade".

A conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional, Carmen Pomar, durante a visita a unhas obras do CEIP do Hío, en Cangas (Pontevedra).. XUNTA DE GALICIA

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, confirmou este mércores que o groso das obras de rehabilitación integral do CEIP do Hío, en Cangas están xa terminadas, e que os traballos pendentes non interferirán na actividade docente do centro. Así o trasladou a conselleira, durante unha visita a estas obras, nas que a Xunta inviste algo máis de 810.000 euros.

A actuación neste centro educativo contempla o illamento de fachadas, colocación de ‘panel sandwich’ na cuberta do ximnasio, nova carpintaría nas xanelas, renovación de luminarias e instalación de equipos de alta eficiencia. Todo iso permitirá un aforro do 42,4 por cento no consumo de enerxía primaria non renovable e un aforro do 45,9 por cento en emisións de CO2.

Por outra banda, instalarase un aerotermo no ximnasio, renovaranse as persianas, instalarase un falso teito acústico nas aulas, e pintaranse os paramentos interiores, entre outras melloras.

Carmen Pomar explicou que os traballos interiores estarán rematados para o inicio de curso, fóra da planta -2, que non se usa. Os traballos pendentes, nesa planta -2 e no exterior poderán compatibilizarse coas clases, e desenvolveranse “con todas as medidas de seguridade”.