InicioMedio Ambiente e PatrimonioO CEIP do Hío asegura que as augas fecais levan contaminando a...

O CEIP do Hío asegura que as augas fecais levan contaminando a ría de Aldán desde 2009

Ademais, a esoecie invasora Herba de Pampa estendeuse pola lagoa de Vilariño.

PUBLICADO O

O CEIP do Hío e a Asociación Cultural O Furatoxo organizan un encontro coas veciñas e veciños da parroquia do Hío o vindeiro xoves 3 de xaneiro ás oito do serán na Casa da Unión para falar sobre a contaminación nas augas.

O director do centro, Claudio Lamosa, e máis algunha representante do alumnado presentarán o proxecto no que levan traballando os dous últimos cursos académicos sobre a calidade da auga.

Grazas ao estudo que veñen realizando, tanto a través de probas técnicas coa supervisión de profesionais do sector como grazas a recollida de información do alumnado casa a casa, poden afirmar que as augas fecais das vivendas da parroquia do Hío contaminan a ría de Aldán.

Comezaron o estudo coa idea de mellorar a situación dun río e unha lagoa, a de Vilariño, presuntamente contaminada, e atopáronse con que a contaminación incide directamente sobre a ría.

Están en condicións de demostrar que os verquidos suceden dende o ano 2009, e cunha gran regularidade que coincide cos períodos de pluviosidade por enriba dos 75 l/m2 (dato que se supera practicamente en todos os meses invernais). Actualmente, o alumnado está desenvolvendo un plan de accións para mitigar a situación.

Dende o pasado decembro, as nenas e nenos de oito a doce anos atópanse realizando enquisas a familiares e veciñas para determinar a condición das conducións augas fecais. Do mesmo xeito, están xestionando con Augas de Galicia e ADEGA un plan de erradicación da Herba de Pampa, unha especie invasora que se estendeu pola lagoa de Vilariño, que incluirá alumnado, veciñas e veciños, empresas privadas e Concello.

Na mesma liña, tamén traballan na idea de crear un estanque de macrofitas para depurar as augas pluviais da escola e amosarlle á parroquia unha actuación que melloraría o estado da ría de Aldán.

Diante do momento preciso no que se atopan do proxecto, dende a Asociación Cultural O Furatoxo cren relevante que o CEIP do Hío poida presentar o traballo que leva feito e o camiño que seguirán neste acto público. Así, o proxecto poderá saltar dende as aulas do centro ás casas da parroquia de forma moito máis sinxela.

Durante este proxecto, o alumnado e profesorado do CEIP do Hío contou coa colaboración do INTECMAR, Augas de Galicia, UTE- Xestión-Cangas (FCC Aqualia y Civis Global), Confraría de Aldán e do propio Concello de Cangas do Morrazo.

Pola súa banda, a AC O Furatoxo nace no ano 2013 formada por mozas e mozos do Hío coa intención de dinamizar a parroquia. Dende a súa creación veñen apostando pola organización de actividades para todos os públicos.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...