O Concello de Bueu aposta forte polo balonmán e o balonmán praia

Balonmán na praia / Photopin

O Concello de Bueu, a Federación Galega de Balonmán e o Bueu Atlético Balonmán puxeron en marcha este verán o proxecto “Bueu, cidade do balonmán”, que incluirá diversos eventos nas próximas fins de semanas que traerán á vila moitos clubs de toda a comunidade galega.

As actividades, nas que o Concello realiza unha achega económica de 8000 €, alternarán o balonmán co balonmán praia e terán lugar en diversos espazos municipais, como son o Pavillón Municipal Pablo Herbello, o Pavillón Municipal de Beluso e praia da Banda do Río. As probas comezaron xa esta fin de semana, coa Fase Final da Copa de División de Honor Xuvenil Masculina e Infantil Masculina.

Na fin de semana do 9 e 10 de xuño será a quenda da Copa Final de Cadete Masculino, e o 16 a do Campionato Galego de Seleccións Provinciais Infantil e Alevín, tanto en masculino como feminino (esta última alternarase nos dous pavillóns dado a gran afluencia de equipos que se agarda).

O broche de ouro será o 24 e 25 de xullo na praia da Banda do Río coas finais do Campionato Galego de Balonmán Praia, de entre as que sairán os deportistas clasificados para o campionato estatal.

Precisamente, a vila morracense é “todo un referente no balonmán praia”, subliñan dende o Concello de Bueu, xa que nos dous anos anteriores acolleu un dos campionatos estatais do Arena 1000.

Con todo, e tal e como destacou o alcalde, “este ano o Concello tivo que renunciar a este proxecto dado que o orzamento se incrementaba e quedaba lonxe da nosa capacidade, aínda que decidimos pensar esta outra alternativa que impulsa e recoñece o balonmán de base”.

Dadas as expectativas que existen no sector porque Bueu volva acoller este campionato, tanto o Concello como a Federación Galega “deixan claro que se están buscando alternativas para poder afrontalo de novo en vindeiros anos”.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here