Bueu anda e corrre contra a diabetes

Presentación da carreira/ Concello de Bueu

O Concello de Bueu e a Asociación da Banda do Río organizan o vindeiro sábado, 23 de marzo, unha carreira e andaina solidarias para recadar fondos a favor da Fundación Diabetes Cero.

As inscricións para a carreira de cinco quilómetros (cun custe de 6.00 €) poderán facerse a través da web www.galitiming.com ata este xoves e o mesmo día. Así mesmo, as persoas que desexen participar na andaina poderán inscribirse o sábado, e os nenos/as, nos centros educativos da vila ou tamén o propio día.

As probas tomarán a saída á altura do Museo Massó, na Avda Montero Ríos, a partir das 17.30 h para as categorías inferiores, ás 18.30 h a carreira absoluta e ao rematar esta, en torno ás 19.15 h, sairá a andaina.

Por iso, desde a Policía Local activouse un plan de tráfico para esa xornada, segundo o cal se prohibe o estacionamento en toda a rúa Montero Ríos a partir das dúas da tarde, e a circulación de vehículos das tres en diante.

Na carreira haberá tres categorías inferiores, que percorrerán distancias diferenciadas: a categoría 1, na que se inclúen nados entre o 2013 e o 2016, fará 200 m, a categoría 2, para os nacidos entre 2008 e 2012 a distancia será de 400 m, e para os da terceira categoría, na que se insiren os nados entre 2005 e 2007, 800 m.

En canto á carreira absoluta, a distancia total será de 5 quilómetros e nela poderán apuntarse todas as persoas de 15 anos en diante, aínda que clasificadas noutras tres categorías: promesa (de 2000 a 2004), senior (de 1975 a 1999), e veterán (1974 e anteriores).

Segundo avanzou o concelleiro de deportes, por agora hai inscritas un cento de persoas para a absoluta e outras tantas para as carreiras infantís.

A andaina constará dun quilómetro e nela pode participar toda a cidadanía, con inscrición o mesmo día da proba a cambio dun donativo para a Fundación Diabetes Cero. Tal e como consta no regulamento, ao remate da mesma, un representante da fundación impartirá unha charla sobre a enfermidade e a labor da asociación na axuda á investigación da mesma.

Ademais, e dado que o carácter da proba é eminentemente solidario, existe a posibilidade de colaboración cun dorsal simbólico “0”. Os premios constarán de trofeo para os tres primeiros clasificados/as na carreira absoluta, e medallas para todos os participantes/as das categorías inferiores.

Na rolda de prensa deste xoves estiveron presentes o alcalde e o concelleiro de deportes, Félix Juncal e Manolo Otero, membros da Fundación Diabetes Cero, Salvador Budiño, Lina Santos e Miguel de la Torre, e o presidente da Asociación de Veciños da Banda do Río, Óscar Veiga.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here