Denuncian o roubo de varios carteis dunha comunidade de montes de Bueu

A plataforma de Beluso anuncia que vén de formalizar denuncia ante a Garda Civil, e pide aos artífices do "acto vandálico" que devolvan os enseres.

Denuncian o roubo e dano de varios carteis colocados pola Comunidade de Montes Veciñais e Man Común de Beluso. A plataforma da localidade emprazada do concello de Bueu apunta que, na mañá do pasado martes 31, procedeu a colocar nalgúns dos seus montes cinco paneis informativos que pretendían difundir os usos e aproveitamentos permitidos nestas parcelas.

Acontece que, de acordo coa CCMM, “escasos intres despois da súa colocación”,  membros desta comunidade de montes puideron comprobar que dous deses paneis foran roubados. Na mañá do mércores 1 de setembro outro panel apareceu cuberto de pintura.

A plataforma incide en que os feitos xa foron denunciados perante a Garda Civil, e instan aos artífices do “acto vandálico” a que devolvan os carteis subtraídos “coa maior celeridade” na Casa do Pobo de Beluso, xa que, en caso contrario, a denuncia xa feito seguirá progresando.   

De igual forma, apuntan a que “algunhas testemuñas puideron ver a persoas sospeitosas na zona, o que está sendo investigado”. “Dende a directiva da Comunidade de Montes chaman ás persoas comuneiras e á propia veciñanza de Beluso a extremar a vixilancia nos montes veciñais para evitar futuros actos delituosos, así coma a pór no seu coñecemento a información que poida esclarecer estes desafortunados feitos que atentan contra a súa propiedade e contra a convivencia”, inciden.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here