InicioSociedadeA provincia celebra o Día Nacional das Linguas de Signos coa entrega...

A provincia celebra o Día Nacional das Linguas de Signos coa entrega de premios de “Xoga coas manciñas”

PUBLICADO O

- Advertisement -

Con motivo da celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, o deputado delegado de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, a concelleira de Benestar Social, Anxos Riveiro, e a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, asistiron á entrega de premios do concurso provincial “Xoga coas manciñas”, un certame para as nenas e os nenos da provincia dos dous ciclos de educación infantil, ata os 6 anos, no que tiveron que gravar un vídeo en lingua de signos dun conto ou canción dun autor galego.

A presidenta da institución provincial destacou a importancia que ten a lingua de signos e insistiu en que “debemos de poder aprender a lingua de signos para que todas e todos sexamos máis felices, é unha forma marabillosa de comunicarnos”.

Durante o acto, Carmela Silva fixo entrega do primeiro premio ao alumnado de 3 anos do CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu) polo conto cantado “A Princesa do Caurel”. Pola súa banda, Anxos Riveiro entregou o segundo premio ás nenas e nenos de 2 anos da Escola Infantil Os Pitufos (Vigo) por “O cocodrilo”.

E, por último, o terceiro premio foi entregado por Digna Rivas ao alumnado de 0 a 3 anos das seis Escolas Infantís Integrais Dalila, no Morrazo, con “A sinfonía de Uxía”. Os vídeos gañadores foron proxectados por primeira vez durante esta presentación, que foi clausurada cunha interpretación musical de Uxía Lambona.

Xoga coas manciñas / Deputación de Pontevedra

Tamén para conmemorar este Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, que se celebra cada 14 de xuño dende 2014 para recordar a data na que se constituíu a Confederación Estatal de Persoas Xordas, o pazo provincial da Deputación permanecerá iluminado de cor azul turquesa ata mañá pola mañá.

Este día é unha ocasión para lembrar o papel fundamental que xogan para a transmisión de ideas, a relación persoal e social e o intercambio de coñecemento. Por isto, o goberno provincial uniuse aos actos organizados por Xoga, unha asociación de iniciativa social sen ánimo de lucro cuxa misión é defender os dereitos fundamentais, e así lograr mellorar a calidade de vida e benestar das persoas con diversidade funcional auditiva de Galicia.

Segundo datos da OMS, a xordeira afecta a máis do 5% da poboación mundial, é dicir, a aproximadamente 360 millóns de persoas en todo o mundo, dos que 32 millóns son nenos.

En España, a xordeira afecta ao redor dun millón de persoas (das que case o 72% teñen máis de 65 anos). No que respecta á provincia de en Pontevedra máis de 16.000 persoas viven con algún tipo de problema sensorial, das que a metade, unhas 8.000 persoas, contan cun problema auditivo.

ÚLTIMAS

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...

Detido na rúa Uruguai tras lesionar a unha viandante, á que golpeou cunha lata de cervexa, causándolle un corte na tempa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 45 anos de idade, J.K.V.,...

O goberno de Vigo rexeita debater unha moción urxente sobre as festas

O grupo municipal do PSOE de Vigo rexeitou este luns debater unha moción de...