Alertan de situacións de inseguridade no embarque dos pasaxeiros que van de Cangas ás Cíes

Naviera Nabia advertiu reiteradamente a Portos de Galicia da Xunta do risco de graves accidentes que supón para os pasaxeiros, sobre todo para persoas maiores e familias con neno.

Dous tripulantes de Nabia axudan a unha pasaxeira a saltar desde o peirao de pedra de Cangas ao barco que vai ás Cíes / Naviera Nabia

Navira Nabia denuncia “situacións de inseguridade” entre os seus pasaxeiros que actualmente embarcan no peirao de Cangas do Morrazo, onde os barcos desta compañía que viaxan no verán desde ese porto a Cíes vense obrigados, di, “por indicación de Portos de Galicia, a atracar no peirao de pedra e non no pantalán flotante”.

Neste sentido, critica que a atracada no peirao de pedra obriga aos pasaxeiros a baixar por “escaleiras esvaradías e a superar unha distancia entre o peirao e a embarcación que compromete a súa seguridade”, unha situación que se agrava aínda máis no caso das persoas maiores e con dificultades de mobilidade, ou das familias con nenos.

“A situación faise máis incomprensible porque o pantalán flotante habilitouse hai anos precisamente para evitar este tipo de situacións, pero Portos de Galicia obriga exclusivamente a Nabia a atracar no peirao de pedra”, denuncia. Ademais, apunta que esta decisión se fixo “sen mediar explicación algunha” das razóns en que se basea esa decisión e vulnerando as normas de equidade e libre competencia, xa que a outras navieras si se lles autoriza a atracar no pantalán flotante. “Esta discriminación faise máis rechamante, se cabe, por canto parte do pantalán flotante é ocupado normalmente por barcos doutras compañías que non están a realizar ningún servizo”, engade.

A dirección de Nabia destaca que xa se puxo en contacto en reiteradas ocasións co ente público e alertou sobre o perigo de posibles accidentes que está entrañando esta situación, sen que até a data obtivese unha resposta.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here