Último día en Lesbos: Non podemos deixar atrás esta praia de pedras brancas e cadáveres negros

Os Elefantes de Papel abandonan a Illa de Lesbos e fan un chamamento a non esquecer esta experiencia , esta "cara B" do que vemos na televisión ou nos xornais.

Posta de sol en Xampelia/ Elefantes de Papel

Undécimo e derradeiro día dos Elefantes de papel na illa de Lesbos. Terminou a súa aventura. “Marchamos destas terras xenerosas cunha morea de contradicións na maleta“, recoñecen María e Berto. Para recordar as crónicas anteriores, consulta o índice ao final deste artigo.

Berto e María deixan atrás “as cálidas apertas coas que nos saudaban os cativos de Pikpa pola mañá, a calor na cociña de Julio, non só dos fogóns, e a mestura cultural da Welcome Home ou da One Happy Family, o mellor exemplo de como entenderse en comunidade coa linguaxe das boas intencións”.

Porque “Lesbos é un fogar de xente humilde e guerreira, unha nai con moitos fillos que manter e que, porén, regala o que non ten a quen llo pide. Nacen compartindo e morren dando”.

Julio, da Movil Kitchen, definiu este país como “unha anarquía democrática” e os nosos elefantiños non poden estar máis de acordo: “Os semáforos serven para decorar, os sinais de “prohibido xirar” son unha provocación e a policía só multa aos estranxeiros, non por manía, senón por non aturar aos nativos afeitos a sacar o seu carácter latino cando os paran”.

Aquí nas motos caben tres: neto, avó e nai, sempre nesa orde, e o casco é unha lembranza das guerras helénicas que cubre o cóbado no mellor dos casos.

Tres en moto/ Elefantes de Papel

“Andar polas estradas supón retrotraerse á España dos 70, pero esas mesmas xentes aparentemente incívicas, son as que despois pechan a tenda para acompañarte ao fin do mundo, as que se botan ás praias para socorrer ás balsas que cada día seguen chegando, as que berran saudando e acariñan coa nobleza dos agradecidos”, celebran.

Unha pick-up, moi común en Lesbos / Elefantes de Papel

E, xa, despídense: “Lesbos é praia de pedras brancas e cadáveres negros, é recuncho de alegría nas rúas e desolación nos desbordados cemiterios; terra de oliveiras que medran no monte e amparan a miseria dos esquecidos, camposanto de culturas, berce e destino dos que soñan cun futuro”.

“Hoxe pechamos a maleta non sen antes agradecer a Xornal de Vigo a oportunidade de contar a cara B do que vemos na televisión ou nos xornais; agradecer tamén aos lectores a paciencia de seguírmonos. Vós, os que cada día nos ledes, tedes unha importante responsabilidade: non esquecer, difundir, tomar conciencia de que, hoxe son eles os que loitan por sobrevivir, pero mañá podemos ser nós”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here