InicioMovementos SociaisDía 4 en Lesbos: Unha broma macabra

Día 4 en Lesbos: Unha broma macabra

PUBLICADO O

Esta é a crónica da cuarta experiencia de María e Alberto na illa de Lesbos, en Grecia, a onde chegaron tras unha longa viaxe para axudar ás persoas que sobreviven como poden nos campos de concentración da zona. Ao final do artigo, un índice para acceder ao resto de capítulos.

Desta vez achegáronse a Molyvos, que describen coma “unha vila costeira con encanto. Casiñas xunto ao mar, turistas comendo nos restaurantes a pé de praia, lecer, recendo a crema solar, a xeados e a un verán aínda por escribir; unha frivolidade necesaria despois de meses enclaustrados na rutina de casa e traballo”.

“Todas esas persoas chegarán aos seus apartamentos despois dunha xornada tranquila. Posiblemente botarán un ollo ás fotos do día, compartirán nas redes sociais anoiteceres de película, ducha, cea á luz das candeas e a durmir”, imaxinan os nosos activistas: “Algúns descansarán como cativos, outros non tanto, porque a escasos tres quilómetros desa paraxe idílica agóchase a vergonza”.

Elefantes de papel

Esta é a súa descrición desa “vergonza” á que aluden, que viñeron buscar, que ninguén quere ver. Tamén compartiron un vídeo ao respecto na súa páxina de Facebook.

“No cume da montaña, tras cruzar un camiño de terra que os nativos pretenden esquecer, milleiros de chalecos salvavidas amontóanse entre o lixo, orfos de comprensión e empatía. É o Life jacket graveyard. Un cemiterio onde o silencio doe como unha labazada, onde cada historia é un fío de esperanza truncado pola nosa avaricia.

Elefantes de papel

Camiñando entre eses restos atopamos barcas esnaquizadas que, no seu momento, trouxeron medo, frío e o terror de ver ás nais, aos avós afogados na profundidade dun mar que semellaba a única vía de escape; atopamos bolsos e zapatos e mochilas que cargaron ilusións…

Milleiros de chalecos murchos cóntannos que os supervivientes conseguiron chegar a terra, que a súa ledicia converteuse en fastío cando os condenaron a sobrevivir nun campo afastado dependendo da esmola da Comunidade Europea. Sen futuro, sen pan para os seus fillos.

Elefantes de papel

Atérranos o tamaño dalgúns destes chalecos. Semella unha broma macabra que estean adornados coa imaxe das princesas Disney. Somos responsables desta situación cando miramos para outro lado, cando limpamos a nosa conciencia argumentando que veñen a roubarnos o traballo, cando compartimos nas redes sociais vídeos criminalizando culturas, razas, etnias que fuxen das bombas.

Tes fillos, pai, nai, irmáns? Que farías no seu lugar? Feliz verán aos que movedes un dedo para que esta situación se arranxe. Hoxe non tivemos folgos dabondo para intentar entrar no campo de Moria.

Elefantes de papel

ÍNDICE

CAP 0: Entrevista a María e Alberto antes da viaxe

CAP 1: Curando aos nenos o trauma do mar

CAP 2:  “O lixo acumúlase ás portas. O cheiro é indescriptible”

CAP 3: “Refuxiados é un eufemismo, esta xente non ten refuxio”

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...