Veciños de Teis reclaman de novo que Audasa mellore os pasos elevados sobre a AP-9

A Asociación lembrou que os veciños xa se mobilizaron cando se tentou prohibir o paso de vehículos por eses tramos de ambos os camiños, e lembrou que os pasos elevados construíronse hai 40 anos para impedir a incomunicación entre ambos os lados da parroquia, atravesada pola autoestrada AP-9.

A AP-9 ao seu paso por Teis / © Miguel Núñez.

A Asociación de Veciños de Teis, en Vigo, volveu a reclamar este martes a mellora dos pasos elevados dos camiños de Xorxa e Trapa sobre a AP-9, e instou ao Goberno central a que esixa á concesionaria da autoestrada, Audasa, que se faga cargo dese mantemento.

Este colectivo veciñal dirixiuse en varias ocasións á Demarcación de Estradas do Estado para solicitar a mellora deses dous pasos, polos que circulan vehículos e peóns. A administración central respondeu agora a esta asociación nunha carta “na que non fan ningunha referencia a mellorar estes pasos elevados”, que “se empeñan en sinalar como pasarelas peonís”.

A Asociación lembrou que os veciños xa se mobilizaron cando se tentou prohibir o paso de vehículos por eses tramos de ambos os camiños, e lembrou que os pasos elevados construíronse hai 40 anos para impedir a incomunicación entre ambos os lados da parroquia, atravesada pola autoestrada AP-9.

Prohibir a circulación de vehículos por eses pasos elevados suporía un gran prexuízo aos veciños, ao impedir que poidan chegar ambulancias ou vehículos de servizo ás vivendas”, incidiron desde a Asociación de Veciños de Teis, que denunciaron novamente a “falta de mantemento” deses pasos por parte da concesionaria.

Ademais de pedir ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que esixa a Audasa acondicionar os pasos, reclamaron “coñecer as xestións realizadas” polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, que en xaneiro de 2019 anunciou o envío dunha carta ao Ministerio para esixir esas obras e proclamou que non permitiría “que se mutile unha parte da cidade”.