Marco Santos, o cabo de Redondela que queren botar do Exército por ser antifranquista

No informe que fixeron na súa contra dixeron que era "pro etarra", "pro independentista gallego, catalán y vasco" e que era contrario "a todo lo que suene a conservadurismo".

Cabo Marco Santos © Miguel Nuñez

Olá. Son Marco Santos, cabo Santos ou Marcos da Leira como me coñecen en Redondela e vouvos contar o meu periplo no Exército”…. Así comeza este veciño de Redondela a súa complicada historia dentro dun dos corpos militares máis fechados do estado. Unha historia que conta a Xornal de vigo e que non está pechada porque está pendente de ser despedido do Exército por varias faltas disciplinarias consideradas “graves”.

O cabo Santos ingresou no Exército no ano 89 e, tras participar en varias misións internacionais en Kosovo e, pouco a pouco, foise dando de conta de que “as cousas non son como os xefes queren” e foi cambiando a súa visión dunha institución profundamente conservadora e con moitos tintes franquistas. “A gota que colmou o vaso foi cando o pasado ano –2018– máis de mil militares asinaron un manifesto a favor “do dictador, xenocida, asasino e fascista Francisco Franco”. A partir de entón, o cabo Santos tivo claro que tiña que facer algo para mudar esa faciana fascistoide que aínda conserva o estamento militar español.

Apoiou outro manifesto antifranquista, “Salud y República”, no que estampou a súa sinatura. Un manifesto que xurdiu como reacción ao comunicado de apoio á figura do ditador promovido por máis de 180 altos mandos militares retirados e na reserva e que pedía a permanencia do seu cadáver no Valle de los Caídos.

MANIFESTO ANTIFRANQUISTA

“O xeneral Franco non merece respecto nin desagravio algún, senón a nosa repulsa máis absoluta por encabezar un golpe de estado sanguento e genocida contra a legal e lexítima II República Española, a feroz guerra civil posterior, e unha ditadura opresiva e inclemente durante case corenta anos”, apuntaban as decenas de asinantes que subscribiron esta declaración “en contra do franquismo nas Forzas Armadas”. O Exército de Terra sancionou con tres faltas disciplinarias graves ao cabo Marco Santos por incluír na súa firma neste manifesto.

Na resolución os instrutores determinan que ao subscribir o manifesto antifranquista e engadir unha achega persoal este militar vulnerou o artigo sete do Réxime Disciplinario das Forzas Armadas que condena a manifestación pública de “expresións contrarias, realizar actos irrespetuosos ou adoptar unha actitude de menosprezo cara á Constitución, a Coroa e demais órganos” e non permite “efectuar con publicidade e manifestacións ou expresar opinións que supoñan infracción do deber de neutralidade política”.

O militar Marco Santos © Miguel Nuñez

SANCIÓNS POR SER ENTREVISTADO

Por outra banda, o Ministerio de Defensa impúxolle unha falta grave por unha entrevista que o cabo Santos concedeu a eldiario.es tras subscribir o comunicado antifranquista. Nesa entrevista, como agora indica tamén a Xornal de Vigo, Marcos da Leira destaca que “o franquismo nas Forzas Armadas está xeneralizado” e que levaba “19 anos oíndo ao romper filas o berro de ‘Arriba España‘”.

“PRO ETARRA”

Posteriormente, os mandos militares bucearon nas súas redes sociais para tentar buscar máis argumentos para sancionalo. Dese informe encargouse a Garda Civil que, nun dossier de máis de 200 páxinas, recollía como o Cabo Santos era “pro etarra” porque defendía aos mozos detidos en Alsasua tras unha pelexa con gardas civís, e tamén “pro independentista galego, catalán e vasco”. “No último parágrafo dicía que o perfil do Cabo Santos é contrario a todo estamento conservador, ao PP, a Ciudadanos, á Igrexa e todo o que teña carácter conservador”.

Esta semana recibía o apoio do secretario xeral de Anova, Antón Sánchez, que denunciava a conivencia do Exército co franquismo e a depuración de militares que se declaran demócratas.

Este é o seu relato en primeira persoa do cabo Santos:

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here